03 DE OCTUBRE DE 2025
Fotos: RFEC
Se o rendemento de Alejandra Neira a semana pasada na súa estrea nun Mundial resultou sensacional, os seus resultados aínda foron mellores uns días despois no seu debut no Campionato de Europa de Estrada. A corredora santiaguesa, de primeiro ano na categoría júnior, obtivo este venres en Francia a sexta praza na carreira de fondo, logrando un top-10 que se lle resistiu na contra o reloxo do mércores, cando se clasificou 11ª. En ambas probas impúxose a súa compañeira de selección Paula Ostiz, asinando un 'dobrete' histórico para o ciclismo español.
A competición en liña en Drôme-Ardèche constou de 63 quilómetros con algo máis de 800 metros de desnivel positivo acumulado, incluíndo o treito inicial coa subida de Costebelle para posteriormente entrar xa no circuíto final e realizar tres xiros cos seus respectivos ascensos a Val d'Enfer (1,7 km ao 9,3%). A falta de 15 km, co grupo dianteiro composto por unha vintena de unidades, a selección española mantiña ás súas seis ciclistas en cabeza. Unha fortaleza colectiva que rematou nas últimas ramplas do trazado a navarra Ostiz batendo ao esprint á suíza Anja Grossmann.
Como segunda mellor clasificada do combinado dirixido por Gema Pascual concluíu Neira, sexta a 5" da gañadora. A galega cruzou a liña de meta co mesmo tempo que a quinta, a grega Eirini Papadimitriou. Deste xeito, a compostelá mellorou a súa 12ª posición o pasado sábado na proba de fondo do Mundial celebrado en Ruanda.
A comparación tamén é favorable para a ciclista do Baqué Movistar Team na contra o reloxo. En Kigali ocupou a 17ª praza, padecendo problemas estomacais, e en Francia fixo 11ª nun percorrido de 12,2 km no que se ascendía dentro do quilómetro final un 'muro' na chegada a Étoile-sur-Rhône. Unha vez máis asinando o segundo mellor entre as representantes españolas, Neira quedouse a 37" da marca de 18:38 que lle outorgou o título de CRI a Ostiz.
CARRETERA
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es