05 DE FEBRERO DE 2026
Foto: CC Padronés Cortizo
O Club Ciclista Padronés celebrou este mércores a posta de longo do seu proxecto para a nova temporada. Na gala celebrada no Campus Tecnolóxico de Cortizo, a entidade rosaliana estivo arroupada por preto de 400 persoas entre as que se atopaba unha ampla representación de personalidades do ciclismo e dirixentes das diferentes administracións. Deste xeito, non faltaron á cita o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o deputado provincial de deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; os rexedores de Rois e Dodro; o presidente da Real Federación Española de Ciclismo, José Vicioso; o seu homólogo galego, Juan Carlos Muñiz; o presidente do Grupo Cortizo, José Manuel Cortizo, ou ilustres do ciclismo galego como Álvaro Pino, Óscar Pereiro e Ezequiel Mosquera. Martín Rey, o último en dar o salto ao Burgos BH desde o Cortizo, tamén quixo estar presente nun día tan sinalado.
Polo escenario do auditorio de Cortizo desfilaron máis de medio centenar de ciclistas; nenos, nenas e mozas con idades comprendidas entre os 3 e os 25 anos que, unha campaña máis, volverán representar ao Padronés en todas as divisións: elite e sub-23, júnior, cadete, infantil, alevín, principiante e promesa.
12 caras novas e unha sorpresa: a renovación de Maksym Bilyi
O acto de presentación da nova temporada do Cortizo serviu para dar a coñecer os detalles do seu equipo elite e sub-23, emblema do proxecto, e que volverá pelexar por estar entre os mellores da clasificación estatal. Para iso, Marcos Serrano e Modesto Pérez contarán este ano cun persoal de 19 corredores. Desde a dirección deportiva, volverán apostar pola mocidade, reivindicando un proxecto que busca ser o trampolín de corredores cara ao ciclismo profesional. As novas incorporacións chegan cunha dilatada traxectoria non só no calendario español, senón tamén internacional, ademais de ciclistas debutantes como sub-23 tras brillar na súa etapa júnior.

O Equipo Cortizo afrontará o 2026 cunha ducia de incorporacións: Luke Valenti, Jort Drockx, Jose María Pina, Pablo Osorio, Manuel Sanroma, Álvaro Sansano, Héctor Fernández, Pablo Ortega, Samuel Fajardo, Bernardo Cambareri, Aimar Tadeo e Antonio González. Unha das sorpresas da noite chegou co capítulo de renovacións, xa que o Padronés anunciou a continuidade de Maksym Bilyi, vencedor na Volta a Galicia, o Trofeo Guerrita e a Clásica de Torredonjimeno. O corredor ucraíno repetirá como un dos líderes do equipo nas voltas e as carreiras internacionais. “Maksym terá un calendario propio dun ciclista profesional e vén de participar na pretemporada do Burgos Burpellet BH, polo que seguirá connosco, pero con dinámicas de superior categoría”, explicou Marcos Serrano. Xunto a Bilyi, continuarán outros seis corredores da pasada campaña: Martin Solhaug, Óscar Fuentes, Jordi Artigues, Iván Belmonte, Adam Strejcek e Presley Evans.
Un calendario con varias carreiras UCI e coa Copa de España no punto de mira
Durante a gala de presentación, o Padronés tamén detallou o calendario de competición para este 2026, no que a Copa de España volverá ser “o gran obxectivo”, explicou Marcos Serrano. Ademais, a escuadra padronesa disputará as dúas probas que compoñen a nova Challenge Futura, na que competirán equipos profesionais e amateur. O Padronés será organizador dunha dela, a Clásica de Pascua, que na súa nova edición salta de categoría. O Circuíto de Bretaña, o Circuito das Ardenas ou a Volta ao Alentejo serán outras das grandes citas do calendario UCI nas que estará presente o Cortizo.
Homenaxe á xunta directiva por toda unha vida dedicada ao ciclismo
O Padronés cumprirá o próximo mes de setembro 70 anos de historia. As súas orixes remóntanse a 1956, cando Francisco Rodríguez fundaba a Peña Ciclista Bernárdez, apoiado na parcela deportiva por Julio Vázquez. Ambos, apaixonados do ciclismo, puxeron en marcha a entidade coa intención de impulsar este deporte na comarca do Sar. O proxecto tivo gran acollida; tanta que, pasadas dúas décadas, decidiron cambiar o nome orixinal polo de Club Ciclista Padronés, homenaxeando así á vila que os viu nacer.
O Padronés pode presumir de ser o equipo decano de Galicia e contar cunha canteira que lanzou ao pelotón profesional a grandes figuras como Blanco Villar, José Ángel Vidal, José Manuel Oliveira ou Ezequiel Mosquera. Tras os éxitos deportivos, está o traballo invisible dunha directiva que, de forma altruísta e desinteresada, envorcouse en promover o ciclismo. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, fixo entrega aos actuais dirixentes dunha placa en recoñecemento do seu labor durante todo este tempo, arrincando a ovación dun auditorio entregado á sentida homenaxe co que se puxo o broche de ouro á gala.
Fonte: CC Padronés Cortizo
CARRETERA
AVISOS
CARRETERA
PROBAS DEPORTIVAS
SELECCIÓNS
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es