Facebook Twitter Youtube Instagram Español

José Luis Lombao e Diego Álvarez, ouro e prata M40B na CRI do Campionato de España Máster

25 DE SEPTIEMBRE DE 2025

Manuel Prieto colgouse a medalla de bronce M60B na proba en liña

Jose-Luis-Lombao-e-Diego-alvarez-ouro-e-prata-M40B-na-CRI-do-Campionato-de-Espana-Master

Foto: RFEC

A representación galega regresou de San Leonardo de Yagüe, en Soria, con tres metais do Campionato de España Máster de Estrada 2025 celebrado a pasada semana. Na contra o reloxo individual do venres, José Luis Lombao (Norinver) e Diego Álvarez (Aerodynamics) fixeron primeiro e segundo no grupo de idade Máster-40B, respectivamente, separados por menos de 2 segundos. O terceiro podio para un corredor da nosa comunidade chegou por medio de Manuel Prieto (Norinver) na carreira de fondo entre os M60B.

O percorrido da CRI foi de 14 quilómetros chairos. Unha 'crono' para especialistas completouna José Luis Lombao en 14 minutos e 58 segundos, un rexistro do que Diego Álvarez se quedou a só 1,99 segundos. O castelanleonés Alberto Álvarez (Kazajoz) fixo terceiro a 11" do gañador. 

Oitavo máster-60B na contra o reloxo, ao día seguinte Manuel Prieto colgouse o bronce na proba en liña. A medalla puido ser doutra cor ao remate do trazado de 55 km porque o ciclista do Norinver xogouse o segundo posto ao esprint co balear Jaume Font (Mancor). Os dous cruzaron a liña de meta a 4 minutos e 15 segundos do navarro Francisco Meoqui (Mariezcurrena).

imagen

Preto de subir ao caixón nas volatas finais estiveron varios galegos noutros grupos de idade. Adan Fra (Viveiro) terminou quinto M30A co mesmo tempo que o segundo clasificado, e idénticas situacións protagonizaron José María Tajes (Norinver), quinto M50B, e Enrique Vázquez (Tambre), quinto M60A. Outro top-10 asináronos Francisco Javier Iglesias (Aerodynamics), sexto M50A, e Pablo Fernández (Cidade de Santiago), oitavo M30B. 

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es