Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Martín Rey dá o salto ao ciclismo profesional co Burgos Burpellet BH

11 DE NOVIEMBRE DE 2025

O vilagarcián pecha a súa etapa no Equipo Cortizo para asinar por dúas temporadas co conxunto UCI ProTeam

Martin-Rey-da-o-salto-ao-ciclismo-profesional-co-Burgos-Burpellet-BH

Foto: Burgos Burpellet BH

O ciclismo galego contará no 2026 cun corredor na categoría UCI ProTeam. O vilagarcián Martín Rey ascende dende o Equipo Cortizo á escuadra profesional Burgos Burpellet BH. O gañador no 2023 da clasificación xeral da Volta a Galicia vén de comprometerse por dúas campañas coa formación morada. 

Aos seus 22 anos o corredor arousán liderou esta campaña o Ranking Sub-23 de Estrada da Real Federación Española de Ciclismo, converténdose no primeiro ciclista que logra este fito. A súa regularidade tamén a demostrou na Copa de España, vencendo na Santikutz Klasika e finalizando segundo na xeral do certame. A Vuelta a Castilla y León e o título de Campión de Galicia de Fondo en Estrada foron outros dos éxitos que colleitou neste 2025. Ademais, no mes de maio, puido debutar coa selección española Sub-23 na Course de la Paix na República Checa. 

imagen

“Estou moi contento e ilusionado. Dar o salto ao profesionalismo co Burgos BH é algo que levaba perseguindo nos últimos anos e por fin logreino. É un soño feito realidade”, asegura Martín Rey, quen tamén ten palabras de agarimo para o Padronés. “Vou moi agradecido ao equipo por todos estes anos, lévome un gran recordo e sempre os terei presentes”, sinala.

O paso ao pelotón profesional do medallista de bronce coa Selección de Galicia na proba en ruta do Campionato de España do 2024 súmase ao de Tomás Pombo, o seu compañeiro no Equipo Cortizo, ao Movistar Team Academy da categoría Continental. Deste xeito, e co mercado de fichaxes aínda aberto, o ciclismo da nosa comunidade terá no 2026 a cinco representantes con licenza UCI: Carlos Canal continuará competindo ao máximo nivel no equipo WorldTeam da estrutura de Movistar, mentres que Ángel Sánchez e Lois de Jesús tamén seguirán no conxunto Continental portugués Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua.  

Máis información 

Fonte: Equipo Cortizo

 

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es