Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Martín Rey, primeiro galego que se adxudica o Ranking Sub-23 estatal

01 DE OCTUBRE DE 2025

O Equipo Cortizo, en Sub-23, e o Lasal Cocinas - Grupo ODL - Craega, en Elite, rematan a temporada como líderes nas clasificacións por escuadras

Martin-Rey-primeiro-galego-que-se-adxudica-o-Ranking-Sub-23-estatal

Galicia ocupou o primeiro posto por Seleccións tanto no Ranking Elite como no Sub-23 da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) ao remate do calendario. O 'dobrete' da nosa comunidade na temporada 2025 impulsouno o dominio das súas escuadras nas dúas clasificacións por equipos e un éxito histórico a nivel individual. O vilagarcián Martín Rey (Cortizo) foi o corredor Sub-23 que máis puntos sumou este ano.

Nunca un galego finalizara unha campaña no máis alto do Ranking Sub-23 estatal. Aos seus 22 anos, o Martín Rey conseguiuno logo de brillar, sobre todo, na Copa de España. Gañador da Santikutz Klasika e terceiro na Aiztondo Klasika e no Memorial Ángel Lozano-Valladolid, o arousán quedou subcampión do certame máis prestixioso da categoría por detrás do murciano César Pérez (Finisher). Ademais, o representante da estrutura de Padrón adxudicouse a xeral da Vuelta a Castilla y León, a semana antes de sufrir unha caída na Vuelta a Zamora que afectou ao seu rendemento nas últimas citas do calendario. 

Unha vez consumida a temporada, Rey terminou como líder do Ranking Sub-23 con 1.146 puntos, superando por 122 ao arxentino Fabrizio Crozzolo (Technosylva) e por 196 a César Pérez. En canto á clasificación por conxuntos Sub-23, o Equipo Cortizo obtivo a primeira posición con 3.339 puntos. A segunda praza correspondeu ao Caja Rural-Alea, con 3.000, e a terceira ao Finisher, con 2.525. 

A táboa Elite por equipos rexistrou un marcado acento galego. O Lasal Cocinas - Grupo ODL - Craega anotouse por primeira vez na súa historia este Ranking. Fíxoo con 3.040 puntos, por diante do Extremadura-Pebetero, que colleitou 2.810 puntos e foi o único representante de fóra da nosa comunidade no top-5. O Equipo Cortizo concluíu terceiro con 2.529 puntos; o Supermercados Froiz, cuarto con 2.053 e o High Level - Gsport, quinto con 1.994. 

Rankings

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es