Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A ilusionante primeira edición da Copa Galicia de Pump Track completouse en Ourense

19 DE SEPTIEMBRE DE 2023

Dezanove riders fixéronse coas xerais do certame

A-ilusionante-primeira-edicion-da-Copa-Galicia-de-Pump-Track-completouse-en-Ourense

Subindo en cada proba o listón do número de participantes e do nivel ofrecido na pista, a primeira edición da Copa Galicia de Pump Track baixou o pano este domingo en Ourense. A Cidade das Burgas acolleu a terceira e última xornada do ilusionante certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego. Dezanove riders coroáronse como líderes finais das xerais nun evento que volveu marcar un novo récord autonómico desta especialidade.

A cita organizada polo Maese Riders Team alcanzou os 161 inscritos, case o dobre que na apertura da Copa en A Cañiza a mediados de xullo. Con todo preparado para desfrutar dun fin de festa ao grande no Pump Track do Parque das Letras, a chuvia estivo a piques de xogar unha mala pasada. Os adestramentos realizáronse en seco, pero xusto ao inicio da primeira quenda caeu unha gran cantidade que obrigou a valorar a opción de cancelar a proba. Afortunadamente, as nubes deron unha tregua e os membros do club anfitrión efectuaron un excepcional traballo para que o circuíto volvera quedar en perfectas condicións. 

imagen

A primeira quenda completouse con normalidade e como o tempo seguía respectando decidiuse disputar a segunda. Restaban dez participantes por saír cando reapareceu a chuvia, facéndoo con forza, o que non impediu que esa decena de riders demostrara a súa habilidade nunhas condicións moito máis complicadas de xestionar. O rexistro scratch masculino compartírono o sub23 Sergio Veiga (CiclosQuintena)  e o júnior Xoel Pereira (Bici Verde), detendo o cronómetro en 14 segundos e 5 décimas, mentres que nas categorías femininas a máis rápida foi a júnior Alba Fernández (Pontebike), cunha marca de 16 segundos e 7 décimas.

A nómina de gañadoras e gañadores do I Pump Track Ourense compuxérona Sofía Núñez (Ribadumia) e Daniel Fernández (Farto) en Promesa, Vera Rodríguez (Avanza-O Porriño) e Iván García (Coruxo) en Principiante, Inés Araújo (VigoEnduro) e Lucas Hermida (Pontebike) en Alevín, Ainoa Posada (Ponteareas) e Arón Gómez (Coruxo) en Infantil, Yerai Peláez (Coruxo) en Cadete, Alba Fernández e Xoel Pereira en Júnior, Sergio Veiga nos Sub23, Eva Castro e Alejandro Pérez (Tripamp Ourense) en Elite, Beatriz Martínez (O Rosal) e Pablo Míguez (Traviesas) en Master-30, Montserrat Durán (Esmelle) e José María Rial (Bici Verde) en Máster-40, e Ricardo Escudero (Poio Bike) en Máster-50. 

Líderes finais

Despois de tres citas puntuables -A Cañiza, Mugardos e Ourense- as clasificacións xerais definitivas da Copa Galicia lideráronas Sofía Núñez e Alen Hermida (Pulpeiros) en Promesa, Vera Rodríguez e Iván García en Principiante, Inés Araújo e Hugo Rodríguez (Avanza - O Porriño) en Alevín, Ainoa Posada e Mario Barreiro (VK Bikes) en Infantil, Yerai Peláez en Cadete, Alba Fernández e Xoel Pereira en Júnior, Sergio Veiga en Sub23, Eva Castro e Alejandro Pérez en Elite, Beatriz Martínez e Carlos Díaz (CiclosQuintena) en Máster-30, Montserrat Durán e José María Rial en Máster-40 e Ricardo Escudero en Máster-50. 

Eva Castro, a seleccionadora autonómica das especialidades gravity, amósase moi satisfeita coa temporada de estrea deste certame. No seu balance destaca os datos de participación nas categoría de base e que "en poucos meses subiuse moito o nivel. Están moi motivados por correr a Copa Galicia, todo o día adestrando e iso nótase moito". 

imagen

Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT23

Clasificación Ourense 

GALERÍA DE FOTOS

A ilusionante primeira edición da Copa Galicia de Pump Track completouse en Ourense
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es