Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia BTT Maratón rexorde este sábado na Viveiro Bike Xtreme

14 DE OCTUBRE DE 2021

Os títulos autonómicos de XCM decidiranse a partir das 10:00 horas nun percorrido de 65 quilómetros

O-Campionato-de-Galicia-BTT-Maraton-rexorde-este-sabado-na-Viveiro-Bike-Xtreme

O Cross Country Maratón (XCM) galego actualizará este sábado a súa listaxe de campións. A COVID impediu que os títulos de BTT Maratón se puxeran en xogo no 2020 e a espera para volver coroar aos mellores fondistas do panorama autonómico conclúe coa disputa da Viveiro Bike Xtreme. O desafío organizado pola Peña Ciclista Lar Viveiro arrancará ás 10:00 horas dende a Praza Pastor Díaz e presenta un percorrido de 65 quilómetros con 2.500 metros de desnivel positivo acumulado.

Preto de 200 bikers, entre os inscritos no Campionato e nas dúas marchas cicloturistas, pedalearán polos montes da Mariña Lucense nun evento que volveu modificar a súa data a pasada semana. Inicialmente prevista para o 18 de xullo, a Viveiro Bike Xtreme trasladouse nun primeiro momento para este domingo, pero a convocatoria dunha manifestación baixo o lema 'Futuro para A Mariña' obrigoulle a adiantar un día a súa celebración.

Malia estes contratempos, o Campionato de Galicia XCM volve a escena 28 meses despois. A súa anterior edición viviuse na Lalín Bike Race do 2019, unha proba que tamén exercera de clausura do Open de España. Naquela ocasión fixéronse coas camisolas autonómicas Lara Lois e Brandán Márquez en elites, Silvia Blanco e Fernando Guerra en máster-30, Ana González e Alejandro Trasbach en máster-40 e Francisco Xavier López nos máster-50.

O BTT Maratón galego, que esta temporada logrou nove medallas no Campionato de España, rexurdiu neste 2021 ao recuperar tamén a Copa Galicia. Este certame constou de catro citas e finalizou o pasado 3 de outubro en Carballo. Os seus gañadores absolutos, Rebeca Muñoz (Ribadumia) e Alberto Alanís (Burgas Bike) competirán en Viveiro, ao igual que a escuadra do Extol MTB Team, equipo que esta campaña volveu acumular éxitos no Open XCM estatal.

Presentación

O Campionato de Galicia BTT Maratón - Viveiro Bike Xtreme foi presentado este xoves na casa do Concello, un acto que contou coa presenza da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o concelleiro de Deportes, César Iglesias; e representantes da organización da proba.

“Viveiro é xa un referente para albergar eventos ao aire libre. O noso municipio acolle probas que atraen a milleiros de deportistas durante todo o ano, dando a coñecer Viveiro e a súa riqueza natural”, subliñou a alcaldesa.

GALERÍA DE FOTOS

O Campionato de Galicia BTT Maratón rexorde este sábado na Viveiro Bike Xtreme
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es