Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant

02 DE NOVIEMBRE DE 2021

O elite do Ciclos Quintena e a júnior do Cuetos Bike lograron os triunfos scratch na estrea dun evento que se tivo que aprazar un día por mor das adversas condicións climatolóxicas

Veiga-e-Menendez-inauguran-o-palmares-do-Trofeo-Federacion-DHI---Manzaneda-Bike-Park-by-Giant

Fotos: Yaiza Fernández Pérez

Contra os elementos tiveron que loitar o Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant e os seus participantes na primeira edición do evento celebrado na estación de montaña ourensá. As adversas condicións climatolóxicas obrigaron a adiar un día a súa disputa e complicaron as condicións da pista pola que estaba previsto que se lanzaran máis de 150 riders. A estes contratempos soubéronse adaptar mellor que ninguén o elite naronés Marco Veiga (Ciclos Quintena) e a júnior asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike), triunfadores nas clasificacións scratch

O arranque da fin de semana de Descenso organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) coa Estación de Montaña Manzaneda transcorreu con absoluta normalidade. O tempo respectou nos adestramentos libres do sábado e o circuíto fíxose máis apetecible a medida que pasaban as horas, cos riders desfrutando dos remontes en telecadeira. 

O panorama cambiou por completo o domingo. O día fixado para os adestramentos oficiais e a competición amenceu chuvioso e, o que é peor, ventoso. Os prognósticos daban esperanzas para pensar que o vento amainaría e retrasouse a apertura do telecadeira, abríndose con dúas horas de retraso cando as condicións melloraron minimamente.

Porén, o vento volveu aumentar e a organización veuse obrigada a suspender o evento. Esta decisión pasou a ser un aprazamento para 24 horas máis tarde dado que as predicións meteorolóxicas daban unha considerable mellora. O adiamento colleu por sorpresa a todos os participantes e moitos non puideron prolongar a súa estancia en Manzaneda, quedando reducida a inscrición para o luns a 59 riders.

Acción sobre a lama

Agora si. Un día despois do previsto puido levarse a cabo o bautizo do Trofeo Federación DHI. O luns espertou con néboas, que se levantaron ao redor das 10:00 horas. Sen chuvia e sen vento, aínda que cunha temperatura que rozou os 5 graos, as corredoras e os corredores puideron pasar á acción nun percorrido de 1,8 quilómetros e un desnivel aproximado de 270 metros.

O circuíto atopábase na súa zona inicial moi lento e resultaba moi esixente polo barro estancado. A medida que se baixaba incrementaba a dificultade técnica polas pendentes con lama e as rodeiras, onde a boa pilotaxe era a clave. Polo tanto, o éxito na nova pista do Bike Park de Manzaneda estaba reservado para corredores moi completos, de gran físico e moi técnicos. 

Na quenda clasificatoria xa ensinaron as súas cartas riders como o cadete Uxío Atrio (Academia Postal-Abanca), o máster-30 Manuel Baños (Bicicletas Chinquena) e o sub23 portugués Pedro Fernandes. O mellor crono na competición masculina, 3 minutos e 26 segundos, correspondeu a Marco Veiga. 

En canto ás mulleres, a familia asturiana Menéndez González monopolizou os tres primeiros postos. A júnior Cristina anotouse o scratch (4:19) batendo a súa nai Covadonga, corredora elite, e a súa irmá Natalia, rider cadete, segunda e terceira respectivamente.

Manga final

O palmarés deste evento inaugurouse cos resultados duna quenda final na que as irmáns Menéndez González sufriron contratempos na súas baixadas. Aínda así Cristina conseguiu o triunfo cun rexistro de 4:23. Segunda rematou a súa nai (4:34) e terceira a mellor galega. Diana Blanco (Bicicletas Chinquena), especialista noutras modalidades do BTT como o XCO ou o XCM, conseguiu baixar dos 5 minutos e grazas a un tempo de 4:57 impediu a tripla da familia asturiana. Cuarta concluíu Natalia Menéndez e quinta Tamara Méndez (+ Enduro). As cinco subiron ao podio absoluto.

Na competición masculina disparouse a tensión coa chegada a meta do elite Javier del Río (X Bikes), mellorando en 3" o crono de Veiga na clasificatoria. Non foi o único que rebaixou esa referencia. O tamén elite Javier Fernández (Bicicletas Chinquena) colocouse momentaneamente primeiro detendo o cronómetro en 3:21. 

Veiga estaba obrigado a baixar máis rápido que na clasificatoria e así o fixo. O naronés do Ciclos Quintena meteulle unha dentada de 10" ao seu propio rexistro e levouse o triunfo absoluto cunha marca de 3:16.758. Dous portugueses completaron o Top-5: o elite Carlos Ferreira, cuarto, e o sub23 Fernandes, quinto. 

Os gañadores no resto de categorías foron Atrio nos cadetes, Mario Valsero nos juniors, Baños nos máster-30, Iñaki García (5th Pine) nos máster-40, Ernesto Camesella (Monteboi) nos máster-50, Carlos Núñez (VK Bikes) no Enduro, e Alejandra Díaz (Triatlon Arteixo) e Rubén Temprano (Komanche) en infantís. 

A entrega de premios contou coa presenza de Víctor Picos, director da Estación de Montaña Manzaneda; de Pedro Dapena, asesor do Manzaneda Bike Park; e de Esteban Lorenzo, director da carreira e responsable BTT da Federación Ciclismo Galego. A estrea desta competición marca o inicio dunha futura colaboración entre a FCG e a Estación de Montaña Manzaneda. 

Clasificacións

 

GALERÍA DE FOTOS

Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant
Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant
Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant
Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant
Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant
Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant
Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park by Giant
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es