Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia de Pump Track inaugurou o parque deportivo e de ocio de Xove

11 DE JUNIO DE 2024

O júnior Saúl Vilar e a cadete Ainoa Posada, os máis rápidos na terceira xornada do certame autonómico

A-Copa-Galicia-de-Pump-Track-inaugurou-o-parque-deportivo-e-de-ocio-de-Xove

Foto: JM Paleo (El Progreso)

A Mariña Lucense xa desfruta dun magnífico parque deportivo e de ocio. Estas flamantes instalacións atópanse no concello de Xove e de estrealas encargouse este domingo a Copa Galicia de Pump Track. Unha inauguración chea de velocidade e emoción con dúas das grandes promesas autonómicas, o júnior Saúl Vilar (BMX Cromoly) e a cadete Ainoa Posada (Lynalfa Ponteareas), asinando os rexistros scratch na terceira xornada do emerxente certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG).

O Concello de Xove aposta moi forte por este complexo que conta cunha pista pequena e outra grande de pump track, unha liña de dirt bike, un skatepark, zona verde e unha área para caravanas. A primeira competición que acolleu organizouna o club PonteBike Team unindo forzas co Coruxo, OsdoSacho, Team Bike Outeiro de Rei e Sportskids. Os representantes desta entidades e o alcalde Demetrio Salgueiro felicitáronse por un traballo conxunto que deu os seus froitos. 

imagen

Deportivamente, o I Gran Premio Pump Track Concello de Xove alcanzou o centenar de participantes e ofreceu un formato moi atractivo. A orde de saída da segunda e última quenda respondeu aos tempos marcados na primeira. Nesa pugna por anotarse os scratchs, Saúl Vilar levouse o masculino cunha marca de 18 segundos e 355 milésimas. A segunda posición obtívoa o sub-23 Iván García (Val do Ulló), cun tempo de 18"785 e dos 19" tamén baixou o segundo sub-23, Raúl Gándara (Pontebike), que detivo o cronómetro en 18"926.

A batalla por ser a muller máis rápida dominouna a cadete Ainoa Posada grazas ao 'crono' de 22"105 establecido na segunda manga. A alevín Vera Rodríguez (Avanza - O Porriño) fixo segunda con 22"848 e unha rider do seu mesmo grupo de idade, Delia Campelo (Gacela), pechou o top-3 feminino.

Os triunfos nas categorías da Copa Galicia corresponderon a Paula Rodríguez (Maese Ourense) e Hugo Rodríguez (Avanza - O Porriño) en infantís, a Ainoa Posada e Sergio Hidalgo (Traviesas) en cadetes, a Saúl Vilar nos juniors, a Sofía Ferreiro (Esmelle) e Iván García en sub-23, a Yuli Paola Rey (Kamikazes) e Javier Novo (BDM) en elites, a Tamara Santos (THC Bike) e Saúl Moreira (Siete Club) en máster-30, a Cristina Romero (Ribadumia) e Francisco Lorenzo (Bike Ou non Vai) en máster-40, e a Rosa María López (Maese Ourensse) e Alberto García (Singletrack) en máster-50. 

Sen puntos en xogo para o certame autonómico, venceron Sofía Casal (Val do Ulló) e Álvaro Costas (BMX Cromoly) en promesas, Eva Vilas (Farto) e Leo Díaz (Val do Ulló) en principiantes, e Vera Rodríguez e Daniel Díaz (Val do Ulló) en alevíns. "É unha pasada o nivel que hai. As nenas e os nenos van súper rapido. Esta especialidade segue en auxe e ten moito futuro", sinala Eva Castro, a seleccionadora FCG de Pump Track. 

imagen

A Copa Galicia entra agora nunha paréntese e cando regrese o 31 de agosto en Pereiro de Aguiar coa súa penúltima xornada lucirán as camisolas de líderes Paula Rodríguez e Hugo Rodríguez en infantís, Ainoa Posada e Pedro Fernández (OsdoSacho) en cadetes, Alba Fernández (Val do Ulló) e Saúl Vilar en juniors, Sofía Ferreiro e Iván García en sub-23, Yuli Paola Rey e Aleandro Pérez (Maese Ourense) en elites, Tamara Santos e Saúl Moreira en máster-30, Cristina Romero e Francisco Lorenzo en máster-40, e Rosa María López (Maese Ourensse) e Alberto Pérez (VigoEnduro) en máster-50.

A seguinte cita no calendario autonómico desta especialidade chegará este sábado na Cañiza, na fin de semana previa á Copa de España de Mondariz. 

Toda a información sobre a Copa Galicia de Pump Track podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT24.

Clasificacións

 

 

 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es