26 DE JUNIO DE 2024
Por primeira a Copa de España de Pump Track visitou Galicia. O pasado sábado a localidade pontevedresa de Mondariz acolleu a cuarta xornada puntuable da temporada para o certame estatal, unha cita organizada polo club Pontebike Team e que contou coa particularidade de que finalizou xa durante a noite. Con máis de 110 participantes, ata en treces categorías apuntáronse a vitoria riders da nosa comunidade.
A competición constou de tres quendas cronometradas e os dous rexistros scratch do III Pump Track Nocturno Mondariz corresponderon a especialistas galegos. Sergio Veiga (Pontebike Team), da categoría sub23, foi o que marcou o mellor tempo do día, 14”809, para facerse coa vitoria absoluta entre os homes. A segunda posición foi para o tamén sub-23 galego Iván García Comesaña (Val do Ulló), cun 'crono' de 15”254, mentres que o terceiro posto ocupouno o infantil Ángel Esteban (BMX School Zaragoza), que conseguiu unha marca de de 15”508.
Entre as mulleres deuse un pleno da autonomía anfitrioa no top-3. A júnior Alba Fernández (Val do Ulló) impresionou coa súa actuación, que lle levou a deter o reloxo en 16”863 para gañar con case un segundo e medio de vantaxe. O segundo chanzo do podio absoluto ocupouno a cadete Ainoa Posada (Lynalfa Ponteareas), con 18”340, e o terceiro a alevín Vera Rodríguez (Avanza-O Porriño), que completou o seu mellor xiro en 18”528.
Das 24 categorías, en máis da metade o triunfo quedou en Galicia. As trece vitorias autonómicas rubricáronas Yuli Paola Rey (Kamikazes) nas elites, Sergio Veiga nos sub-23, Alba Fernández nas juniors, Ainoa Posada nas cadetes, Vera Rodríguez nas alevíns, Daniel Díaz (Val do Ulló) nos alevíns, Sofía Núñez (Ribadumia) nas principiantes, Claudia Rodríguez (Val do Ulló) nas promesas 5-6, Mateo Rial (Bentraces) nos promesas 5-6, Lorena Castro (VigoEnduro) nas máster-30, Marcos Otero (Teis) nos máster-30, Francisco Manuel Lorenzo (Bike Ou Non Vai) nos máster-40 e Alberto Pérez (VigoEnduro) nos máster-50.
As camisolas de líderes da Copa de España recibíronas, a falta de dúas citas para a conclusión do calendario, cinco representantes do Pump Track galego: A principiante Sofía Núñez, a cadete Ainoa Posada, a júnior Alba Fernández, o sub-23 Sergio Veiga e a máster-30 Lorena Castro. A vindeira cita do certame estatal chegará este próximo domingo, 30 de xuño, en Otívar (Granada).
BTT
BTT
BTT
BTT
BMX
BMX
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es