Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Iria Nieto e Samuel Baña apúntanse o peche da Copa Galicia 3h Resistencia en Narón

17 DE FEBRERO DE 2025

Rebeca Fontela-Samuel González, Irene Trabazo-María Filgueiras e Ángel Vilanova-Darío Otero venceron por parellas. As clasificacións xerais rexistraron un único cambio de líder

Iria-Nieto-e-Samuel-Bana-apuntanse-o-peche-da-Copa-Galicia-3h-Resistencia-en-Naron

Fotos: Luz Iglesias

A cuarta e última cita da Copa Galicia 3h Resistencia ofreceu este domingo en Narón un novo exercicio de supervivencia. A lama volveu acompañar aos bikers no desenlace do primeiro certame autonómico. Rexistrándose un único cambio de líder nas clasificacións xerais, a gañadora individual feminina e o masculino estrearon a súa conta de triunfos absolutos. 

A cuarta edición da Resistencia BTT Cidade de Narón alcanzou os 241 inscritos e tivo como escenario o circuíto da Pombiña. Baixo a chuvia e nun terreo moi escorregadizo, Samuel Baña (Xesteiras) dominou esta vez en solitario. Despois de cederlle a vitoria absoluta nos últimos metros o domingo anterior en Vilagarcía ao seu compañeiro de equipo Daniel García Castaño, o líder máster-30 impúxose na proba organizada polo Club Ciclista Narón con 1 minuto e 52 segundos de marxe respecto ao anfitrión David Fernández (Narón), tamén do grupo de idade máster-30. 

imagen

Os dous primeiros deron oito voltas, as mesmas que o sub-23 Adrián Caamaño (Extol-Zambora.es), terceiro a 2:34 de Baña; os elites Esteban Sánchez (RG Bikes) e Óscar Pino (Extol-Zambora.es), cuarto e quinto respectivamente; e o máster-40 Alberto Neira (Xesteiras). Un parcial menos bastoulles para vencer nas súas categorías ao júnior Brais Vázquez (Cambre) e o máster-50 José Luis Fernández (Narón). Pola súa banda, nos máster-60 apuntouse o triunfo José Manuel Pérez Ovide (Castropol) con seis xiros ao circuíto. 

Ao abandonar despois do seu segundo paso pola liña de meta, a líder elite Tamara Seijas (RG Bikes) despediuse da posibilidade de rubricar un pleno de vitorias absolutas na Copa Galicia 3h Resistencia do 2025. Coa favorita fóra de combate, Iria Nieto soubo regular para acabar protagonizando a mellor actuación nas mulleres con 6 minutos de vantaxe. A elite do Team Oiense percorreu seis veces o trazado da parroquia de Pedroso, ao igual que as dúas júniores que se xogaron a xeral da súa categoría. Ese duelo entre xuvenís decantouno ao seu favor Nerea Suárez (Carballo), distanciándose en 4 minutos de Noa Rodríguez, que non puido manter a camisola de líder. 

imagen

Tamara Santos (VK Bikes) nas máster-40 e María José Veiga (Quercus-Aper), ambas con cinco voltas; Lucía Piñón (Farto-Kiroot) nas sub-23, con catro parciais; e Marta Ares (Esmelle) nas máster-50, con tres; subiron ao máis alto do podio. O premio como mellor equipo da xornada correspondou ao Cambre. 

Parellas

Catro probas doa Copa Galicia, outros tanto primeiros postos para Darío Otero e Ángel Vilanova nos dúos masculinos. O corredor do Cambre e do Compostelano asinaron sete voltas en Narón con 1:29 de vantaxe sobre Fermín Leira e Roberto Leira (Pulpeiros). Terceiros concluíron Juan Rey e Carlos Paz (As Pontes). En canto ás parellas mixtas, Rebeca Fontela e Samuel González (Máis Que Bicis) marcaron a pauta con sete parciais, un máis que os segundos clasificados Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde) e que os terceiros Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo). A competición de tándems femininos tivo como vencedoras, con seis voltas, a Irene Trabazo e María Filgueiras (XSM).

Unha hora menos de competición afrontaron os dúos cadetes. As vitorias obtivéronas Vega Aldrey e Héctor Rodríguez (Cambre), Aroa Ferreño e Andrea Paz (Esmelle), e Enol Torre e Hugo Hortelao (Cronobierzo-Pinaster).

imagen

Clausura da Copa

A cuarta edición da Copa Galicia 3h Resistencia constou de catro eventos puntuables (Lousame, Camariñas, Vilagarcía e Narón) ao ter que suspenderse a segunda cita do calendario, que se ía celebrar en Noia. A Júnior Feminina foi a única clasificación que rexistrou un cambio de líder na última xornada. Polo tanto, as camisolas do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego recibíronas na cerimonia de clausura Nerea Suárez e Brais Vázquez en Júnior, Yaiza Vila (Creto Bikes) e Adrián Caamaño en Sub-23, Tamara Seijas e Roberto Freire en Elite, Amira Simón (Tríatlon Atlántico) e Samuel Baña en Máster-30, Tamara Santos e Alberto Neira en Máster-40, Manuel Rodríguez (Aguzo) en Máster-50, Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60, Raquel Román e Raúl Cancelas nas parellas mixtas, Ángel Vilanova e Darío Otero nas masculinas, e nos dúos cadetes Aroa Ferreño e Andrea Paz, Lía Rodríguez e Lucas Seijo, e Marco Núñez e Alberto Rial (Ribadumia). O título por equipos conquistouno o Xesteiras. 

imagen

Esta especialidade do BTT vivirá o seu Campionato de Galicia o vindeiro domingo en Muros. 

Toda a información sobre a Copa Galicia 3h Resistencia podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST25

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Iria Nieto e Samuel Baña apúntanse o peche da Copa Galicia 3h Resistencia en Narón
Iria Nieto e Samuel Baña apúntanse o peche da Copa Galicia 3h Resistencia en Narón
Iria Nieto e Samuel Baña apúntanse o peche da Copa Galicia 3h Resistencia en Narón
Iria Nieto e Samuel Baña apúntanse o peche da Copa Galicia 3h Resistencia en Narón
Iria Nieto e Samuel Baña apúntanse o peche da Copa Galicia 3h Resistencia en Narón
Iria Nieto e Samuel Baña apúntanse o peche da Copa Galicia 3h Resistencia en Narón
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es