03 DE JUNIO DE 2025
Fotos: Abraham Castro Coloto
A Copa de España de Descenso desfrutou este domingo, 1 de xuño, da celebración do DH Molinos O Páramo, a cuarta e penúltima proba do seu calendario que ofreceu un altísimo nivel organizativo da man do Club DH Galicia, cun percorrido fermoso e de gran esixencia técnica que permitiu brillar a algúns dos mellores riders do panorama estatal.
A sub-23 madrileña Kira Zamora (Galapagar) e o elite catalán Alex Marín (Premiá de Dalt) fixéronse coa vitoria no scratch feminino e masculino respectivamente da proba lucense, coa júnior rosaleira Arantxa Gómez (OsdoSacho) e o elite naronés Marco Veiga (Ciclos Quintena) rubricando cadansúa terceira praza absoluta como mellores resultados galegos. Uns 150 participantes lanzáronse costa abaixo nun trazado de 1,8 quilómetros e 300 metros de desnivel negativo que incluía zonas técnicas de diferentes dificultades e saltos debidamente acondicionados.
Na final masculina, a emoción foi máxima e o primeiro posto rematou decidíndose por apenas 50 centésimas. Alex Martín completou a baixada cun tempo de 3'31"851, mentres que Oriol Llaudo tivo que conformarse coa segunda praza cun rexistro de 3’31”908. Polo terceiro posto viviuse un pulso entre elites galegos. Grazas a un 'crono' de 3’33”068, Marco Veiga bateu por tan só 7 décimas a Víctor Mariño (X Bikes), cuarto clasificado absoluto. Héctor Quinteiro (Bici Verde-Bo Papel), sétimo, e Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade), décimo, tamén se meteron no top-10 elite e sub-23.
A mellor marca feminina da xornada obtívoa con claridade Kira Zamora, avantaxando en case 15 segundos, 4’15”384 por 4’29”885, á súa irmá Zoe. A terceira praza scratch correspondeu á gañadora júnior Arantxa Gómez, que fixo 5 minutos exactos. Os outros dous podios femininos da nosa comunidade protagonizáronos a elite Alejandra Chapela (VK Bikes) e a júnior Alexia Santervas (A Forna), terceiras nas súas categorías.
O Descenso galego acumulou un total de doce podios. Mario Barreiro (Cerdedo-Cotobade) logrou a segunda praza cadete por detrás do líder da Copa, o catalán Lluc Hospital (La Tribu BTT Foralla). En canto aos grupos de idade Máster, o noso DH asinou un pleno de triunfos. Nos 30, o anfitrión Iván Mourelo (DH Galicia) impúxose a Manuel Pellón (BDM) no duelo pola vitoria. Nos 40, Carlos Díaz (Ciclos Quintena) recibiu o trofeo de gañador escoltado por Jose Montenegro (Moto Bike), segundo, e Rubén Piñeiro (Mesoiro), terceiro. E nos 50, Ricardo Escudero (Poio Bike) consolidouse como líder da xeral logo de ser o máis rápido con Jose Manuel Quintas (Maceda) na segunda posición. Ás portas de subir ao caixón quedaron na categoría júnior Marcos Castelo (Gráficas Lar) e Manuel Domínguez (Bici Verde-Bo Papel), cuarto e quinto.
A Copa de España 2025 resolverase o 29 de xuño coa terceira cita da temporada na nosa comunidade, o DHI Manzaneda Estación na provincia de Ourense.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es