19 DE JULIO DE 2023
Logo dunha paréntese dun ano, Galicia regresou ao calendario da Copa de España de Ciclismo Paralímpico de Estrada e fíxoo grazas á estrea dun evento. O pasado sábado tivo lugar no concello coruñés da Laracha a primeira edición do Gran Premio Adro de Vilaño, cuarta e última xornada puntuable para o certame estatal. Neste peche do calendario, o Neuroimpulse-Galicia dominou exercendo de local e tres dos seus triunfos parciais, ademais dun título, conseguíronos paraciclistas da nosa comunidade.
O Club Ciclista Riazor, coa colaboración da Federación Ciclismo Galego, da Asociación Adro de Vilaño e do Concello da Laracha, levou a cabo unha formidable competición. O circuíto de 5,6 quilómetros resultou atractivo e sobre o asfalto da comarca de Bergantiños rodaron os tandems, as handbikes e as bicicletas adaptadas.
Das dez categorías que se disputaron, en seis impuxéronse representantes do Neuroimpulse-Galicia. A metade desa media ducia de vitoria asináronas paraciclistas que tiñan a motivación extra de atoparse na súa terra. Javier Abalde apuntouse o primeiro posto na bicicleta adaptada de C5 por diante dos canarios Carlos Marrero e Manuel Trujillo, ambos do Viclass, segundo e terceiro respectivamente. En cantos ás handbikes, Mila Alonso venceu en WH4 e Iván Montero en MH5, clase da que luciu a camisola de líder.
O resto de participantes galegos no GP Adro de Vilaño foron: Alberto Abalde (Neuroimpulse-Galicia), quinto en MC2; Álvaro Illobre (Pulpeiros Mugardos), sexto en MH4; e Daniel Prada (Inclusivo Enki), oitavo en MH3. Por equipos, o Neuroimpulse-Galicia ocupou o posto máis alto da táboa e a segunda praza correspondeu ao Viclass.
Xerais finais
Os últimos puntos da Copa de España 2023 repartíronse na Laracha. O arteixán Iván Montero xa chegou á proba na súa provincia como gañador matemático en MH5 e foi coroado por cuarta vez na súa carreira como líder final do certame estatal. No resto de rankings, outros tres galegos remataron en posicións de podio. Mila López obtivo a segunda praza en WH4, Ángel López (Inclusivo Enki) a segunda en MH2 e María José Pose (Inclusivo Enki) a segunda en WH3.
A clausura desta cita contou coa presenza, entre outras autoridades, do alcalde José Manuel López Varela; da concelleira de Deportes, Patricia Bello; da representante do Club Ciclista Riazor, Lucía Pérez Fernández; e do presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz.
SELECCIÓNS
BMX
BMX
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es