03 DE JUNIO DE 2022
A Xunta de Galicia activará a mediados deste verán un novo visor dixital con máis de medio cento de rutas ciclistas por toda a Comunidade, perfectamente cartografadas e en formato descargable para facilitar a súa consulta desde diferentes dispositivos electrónicos.
Así o anunciou esta mañá en Sober a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que coincidindo coa celebración do Día mundial da bicicleta participou na presentación da aplicación e realizou un percorrido en bici pola zona, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, polo alcalde, Luis Fernández, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador.
O paseo discorreu ao longo dun pequeno tramo polos miradoiros do Boqueiriño e da Cividade, na contorna da igrexa de Santa María de Bolmente, que forma parte, precisamente, dun dos itinerarios ciclistas que se incorporarán nunha primeira fase ao visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.
Tras lembrar que estes días o seu departamento organiza a Semana por unha Galicia sostible con motivo do Día mundial do medio ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño, a conselleira celebrou o auxe que ten experimentado o ciclismo nos últimos anos, xa que se trata dunha das modalidades de transporte máis sostibles e que menos impacto ten sobre o medio ambiente, permitindo gozar da natureza sen alterala.
Todas as rutas están a ser compiladas pola Xunta nunha aplicación web a modo de visor coa colaboración da Federación Ciclismo Galego e da empresa do sector turístico Sherpa Project.
Estas fichas incluirán unha ampla información do itinerario como fotos, mapas, nivel de dificultade —familiar, media e experto—, perfís do terreo e, de maneira moi singular, a situación dos miradoiros e lugares cun alto valor paisaxístico.
Tamén incorporarán un código QR que redirixirá ao usuario a Wikiloc, unha aplicación gratuíta e moi estendida entre os ciclistas en todo o mundo, e a plataforma estará preparada para que se poida descargar e gardar o percorrido de cada ruta en diferentes dispositivos electrónicos, como GPS, reloxos intelixentes e móbiles.
FORMACIÓN
EVENTOS
EVENTOS
AVISOS
EVENTOS
EVENTOS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es