09 DE AGOSTO DE 2023
Unha actividade que chegou para quedarse. O Campus Mini DH Ciclismo Galego by Eva Castro ofreceu na súa primeira edición tres días de formación e diversión, do 4 ao 6 de agosto, na Estación de Montaña de Manzaneda. O éxito desta estrea reforza a aposta da Federación Ciclismo Galego (FCG) polas convivencias dirixidas á base de todas as modalidades.
Os riders das categorías Alevín e Infantil gozaron dunha experiencia inesquecible da man de Eva Castro, a seleccionadora de Galicia das especialidades Gravity, e de Alba Arias, a vixente campioa Elite autonómica de DH. Tras a benvida aos quince participantes, un grupo composto por trece rapaces e dúas rapazas, o progama de activididades deste campamento abriuse o venres pola tarde cunha track walk, unha andaina polas pistas do complexo ourensán co obxetivo de incidir na importancia da visualización a pé dun circuíto e a aprendizaxe das liñas. O primeiro día completouse cunha charla coloquio despois da cea.
O sábado resultou especialmente intenso e entretido. Pola mañá tocou adestramento e formación no Manzaneda Bike Park. As primeiras baixadas realizáronas todos os riders xuntos e posteriormente a sesión dividiuse en dous grupos, en función do nivel, para mellorar e desbloquear saltos. O xantar do mediodía deu paso a unha actividade no Parque MultiAventura, guiados polos monitores da estación ourensá, e a un pouco de relax na piscina e no spa.
A tarde continuou coa merenda e cunha clase para lavar e engraxar as bicicletas, momento no que o Campus recibiu dúas visitas moi especiais. Un gran afeccionado ao DH e ao Enduro como é o humorista e actor David Amor achegouse a saudar e a contar os seus inicios nas especialidades Gravity.
Tamén respondeu ás preguntas dos rapaces e das rapazas Marco Veiga, actual campión de Galicia Elite de DH. O naronés ofreceu consellos nun ameno encontro formativa. A xornada completouse coa cea e coa proxección de vídeos e unha charla, antes de desfrutar do concerto que se celebrou na zona do restaurante e de convivir cos participantes doutros campamentos infantís.
O terceiro e último día non se limitou nin moito menos á clausura. O adestramento matinal estaba deseñado para asimilar a formación do día anterior e baixo a dirección de Eva Castro e de Alba Arias descubríronse novas baixadas que presentaron maior nivel de dificultade. O xantar e unha charla final na que os pequenos riders comentaron as súas experiencias na primeira edición deste campus puxeron o peche.
A iniciativa organizada pola FCG en Manzaneda deixou un sensacional sabor de boca. Os participantes pasárono en grande e o DH galego estreitou lazos co seu futuro.
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es