29 DE OCTUBRE DE 2025
A temporada de ciclocrós está lanzada dende o inicio de outubro e entre carreira e carreira tamén hai tempo para a formación. Unha semana despois de vibrar coa segunda cita da Copa Galicia de CX, o Parque do Pasatempo en Betanzos foi o punto de encontro da convivencia organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) este sábado para cadetes e júniores. Unha toma de contacto para facer grupo, pulir detalles técnicos e ampliar coñecementos en aspectos relacionados coa especialidade raíña do ciclismo nos meses de outono e inverno.
A primeira Xornada FCG da campaña 2025-2026 de ciclocrós contou con 24 promesas da canteira autonómica. Este grupo, con representación de dez clubs da nosa comunidade, estivo dirixido polo técnico e seleccionador Jose Alberto del Río. O plan de traballo deseñado arrancou cunha sesión de adestramento matinal na que se tivo en conta que ao día seguinte a maioría das corredoras e dos corredores ían competir no CX Taboada da Copa Galicia.
As bicicletas quedaron aparcadas ao mediodía para o xantar e a tarde dedicouse ás charlas que impartiron tres relatores na sala de conferencias facilitada polo Concello de Betanzos. A xuíza árbitra Noelia Serrano encargouse de ofrecer unha actualización sobre o regulamento, o adestrador Mario Pereira abordou o tema da preparación e o fisioterapeuta Emilio de la Campa compartiu a súa experiencia e coñecementos para evitar problemas físicos. Unha formación variada para que a canteira do ciclocrós galego afronte o máis preparada posible unha intensa temporada sobre o barro.

FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es