Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso

16 DE MAYO DE 2022

O elite vigués aumentou a súa colección de títulos estatais na localidade abulense de El Raso. O máster-30 B Carlos Díaz conseguiu a outra medalla galega.

angel-Suarez-suma-o-seu-cuarto-titulo-de-campion-de-Espana-de-Descenso

Fotos: RFEC / FCG

O gran favorito viuse obrigado a empregarse a fondo e non fallou. O vigués Ángel Suárez acadou o seu cuarto título estatal de Descenso este domingo na localidade abulense de El Raso. O rider elite, con licenza do Vigo-Rías Baixas e defendendo as cores do Commencal, soubo adaptarse á dificultade extra de ter sufrido un problema mecánico na clasificatoria. Carlos Díaz (CiclosQuintena), terceiro nos máster-30B, colgouse a outra medalla galega, mentres que a Selección autonómica asinou varios postos entre os dez primeiros na súa aposta polas categorías de menor idade e polo DHI feminino. 

Campión por última vez no 2020, Suárez non o tivo nada doado nun circuíto coñecido por ser sede habitual da Copa de España. Nun terreo seco, con moito po e moi roto, sobre todo no treito inicial onde se atopaban as zonas de maior pendente e dificultade, unha picada na primeira curva penalizou ao vigués na clasificatoria. Este contratempo provocou que na final saíra dos primeiros "con pilotos máis lentos", como sinalou o olívico nas súas redes sociais. 

O rider que no 2021 fixo historia para o Descenso estatal, ao subir ao podio na Copa do Mundo de Snowshoe, ofreceu na quenda definitiva o mellor do seu repertorio. "Tiven que adiantar a algún durante a baixada final, complicando un pouco máis as cousas para levarnos o título", indicou Suárez. Un dos pilotos aos que alcanzou foi ao júnior André Martínez (Selección de Galicia), que caera na clasificatoria, e saíu 20 segundos antes que o elite. Ambos adiantaron a un xuvenil vasco e na meta entraron xuntos despois de poñerse á mesma altura na última recta. Non se estorbaron entre eles máis que polo pó das freadas que tivo que soportar o do Commencal. 

O campión elite detivo o reloxo en 2’08”71, batendo por algo máis dun segundo e medio a Pau Menoyo (Bike Abadeses), que concluíu segundo con 2’10”37. A terceira posición correspondeu a Orion Kirchmayer (Madrid), que completou o descenso nun tempo de 2’12”83. Entre os dez primeiros elite-sub23 tamén rematou o galego Marco Martínez (Corbelo), oitavo con 2'15"45. 

Bronce de Díaz

Nun evento que reuniu a máis de 200 participantes, ao ouro de Suárez houbo que engadir un bronce máster no balance de medallas autonómicas. No grupo de idade 30B, Carlos Díaz clasificouse terceiro (2'27''97). O 'crono' do piloto do CiclosQuintena superou en seis segundos o de Adal Capote (Hilera) e en dez o de Pasqual Canals (St. Andreu Barca). 

Preto de pisar o caixón quedaron dous galegos que representaron aos seus equipos. Uxía Álvarez (Coruxo) fixo cuarta nas elites e Roi Jorge (Bici Verde) obtivo a sexta praza nos juniors.

Selección de Galicia

O combinado da Federación de Ciclismo Galego, a Selección de Breogán, desprazouse ata a serra de Gredos con nove riders e viviu unha experiencia especialmente enriquecedora para os máis novos. A fin de semana caracterizouse pola aprendizaxe, compañeirismo e o bo ambiente no grupo dirixido polo seleccionador Esteban Lorenzo. Como auxiliar técnico exerceu Tony Pérez, quen soubo inculcar os coñecementos idóneos para afrontar unha competición do máximo nivel. 

Tras recoñecer o percorrido o venres e os adestramentos oficiais do sábado, a folla de ruta a seguir indicaba que o arranque do circuíto era ideal para que os descenders máis experimentados voaran sobre as rochas e a area. A zona media da baixada presentaba un 'rizado' característico e unha gran meseta, como antesala dunha parte final con saltos e gran velocidade para entrar na praza de El Raso onde se atopaba a meta. 

O trío de cadetes da Selección Galicia respondeu de xeito notable a este desafío. Raúl Romero logrou a sétima posición, xusto por diante de Uxío Atrio e Yago Caride terminou undécimo.

En canto aos juniors, André Martínez outorgoulle outro top-10 á delegación autonómica ao meterse décimo, Guillermo Loureiro ocupou a duodécima praza e Marcos Abalo (24º) limitouse a acabar a final despois de que lle rebentara a roda traseira. Tampouco tivo o seu día o sub23 Víctor Mariño, que malia protagonizar varias saídas do circuíto aparece no décimo oitavo posto da categoría raíña masculina, competición que disputaron máis de 70 riders.

O combinado autonómico tivo presenza por partida dobre na proba Elite feminina. Un descenso sen incidencias situou quinta a Gemma Chapela e máis accidentada resultou a baixada final de Estefanía Cabarcos, sétima na táboa, tras varias caídas sen máis consecuencias que os segundos perdidos. 

 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
Ángel Suárez suma o seu cuarto título de campión de España de Descenso
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es