Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Vilagarcía abre a temporada de Campionatos de Galicia

13 DE FEBRERO DE 2026

O Autonómico de BTT Resistencia reunirá este domingo a case 300 participantes

Vilagarcia-abre-a-temporada-de-Campionatos-de-Galicia

A Federación Ciclismo Galego (FCG) estrea este ano camisolas para coroar as súas campioas e os seus campións, e os primeiros maillots da temporada entregaranse este domingo. Na súa terceira edición, a 3H Resistencia Vilagarcía exerce por primeira vez de Autonómico da especialidade invernal do BTT. A partir das 10:00 horas case 300 bikers percorrerán o circuíto deseñado nas ladeiras do monte Xiabre.

O evento organizado polo club Arousa Bike en colaboración coa FCG pechou inscricións cunha cifra récord esta campaña no calendario de BTT Resistencia. Hai anotados 296 participantes, cando ata o momento dato máis elevado alcanzárase na xornada da Copa Galicia celebrada en Meis con 250. As categorías individuais, nas que o obxectivo é sumar o maior número de voltas ao circuíto en 3 horas, abranguen dende Júnior ata Máster-60. Tamén se disputará a competición de remudas por parellas (mixtas, femininas e masculinas), mentres que na idade Cadete só haberá proba por dúos (mixtos, femininos e masculinos) cunha duración de 2 horas.

imagen

O escenario desta cita, na contorna do encoro do Con, ten unha lonxitude de 6 quilómetros e malia as abundantes chuvias caídas nas últimas semanas atópase en perfectas condicións para rodar. “É un circuíto duro e complicado”, asegurou David Janza, presidente do Arousa Bike, durante o acto de presentación no que estivo acompañado, entre outros, polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz; e o excorredor profesional de Estrada e actual director deportivo do conxunto portugués Tavfer, Gustavo César Veloso.

A maiores do apartado deportivo, a organización ten preparada unha gran festa. Haberá ‘chocolatada’ con rosca que se ofrecerá de balde na saída na Praza da Fonte de Castrogudín, e 300 racións de callos que se repartirán ao remate, a iso das 13:30 horas, preparadas polos cociñeiros Xoaquín Ameixeiras e Rubén García. Grazas ao patrocinio de firmas da contorna, o ágape incluirá empanada, conservas e viño albariño.

Quinta entrega

O Campionato de Galicia de BTT Resistencia alcanza a súa quinta edición. Dende que xurdiu no 2022, as súas sedes foron Noia, Lousame, Narón e o ano pasado Muros. Polo tanto, será a primeira vez que se celebre na provincia de Pontevedra.

A nómina de gañadoras e gañadores no 2025 compuxérona Tamara Seijas e Yago Fernández en Elite, Yaiza Vila e Adrián Caamaño en Sub-23, Lara Pita e Xoel Cidrás en Júnior, María José Veiga e Samuel Baña en Máster-30, Rebeca Muñoz e Diego Álvarez en Máster-40, Susana López e Miguel Ángel Arias en Máster-50, Óscar Lorenzo en Máster-60, Irene Trabazo e María Filgueiras nas parellas femininas, Rebeca Fontela e Samuel González nas mixtas, Manuel Armada e Darío Buceta nas masculinas, Andrea Paz e Aroa Ferreño nos dúos cadetes femininos, Iris Santana e Lucas Carrizo nos cadetes mixtos e Mateo Ledo e José Manuel Pintos nos cadetes masculinos.

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es