09 DE MARZO DE 2026
Fotos: Jano Caamaño
Dous vigueses subiron ao máis alto do podio este domingo no Campionato de España de Descenso 2026 que tivo como escenario o emblemático circuíto barcelonés de Sant Andreu de la Barca. Mentres que Ángel Suárez exerceu de gran referente desta especialidade a nivel estatal apuntándose o seu quinto título na categoría Elite, o cadete Dani Barcia debutou na gran cita do DHI español amosando o seu tremendo potencial. A súa primeira coroa fóra de Galicia obtívoa representando á Selección autonómica.

Seis riders competiron baixo o amparo da Federación Ciclismo Galego (FCG) nunha baixada moi enlamada. Campión absoluto de Galicia o ano pasado e actual líder da súa categoría na Copa de España, na súa primeira temporada como cadete Dani Barcia cumpriu coa condición de favorito a colgarse o ouro. Un trazado de 1.200 metros de lonxitude e 170 metros de desnivel negativo, o piloto do THC Bike percorreuno en 2 minutos 14 segundos e 60 centésimas na quenda final . Ese rexistro permitiulle bater por 1,84 segundos a Oriol Catalá (Catalunya) e por 3,48” a Enol Sánchez (Madrid), segundo e terceiro, respectivamente . Ás portas de meterse entre os dez primeiros quedaron os galegos Kike Cerqueiro (VK Bikes), undécimo clasificado, e Lois Ambrosio (Avanza-O Porriño), duodécimo.
A Selección de Galicia sumou un título e dúas ‘medallas de chocolate’. Roque Docampo fixo cuarto na táboa Infantil cun tempo de 2:42.08. Do bronce separárono 6”. O mesmo posto ocupou a cadete Leire Mariño, cunha marca de 4:02.23, a 52” da terceira posición. Pola súa banda, os dous xuvenís do combinado autonómico acariciaron o top-10 en Júnior: Leo Álvarez, undécimo, detivo o reloxo en 2:19.50 e Mario Barreiro, duodécimo, en 2:20.31.
A actuación dos representantes da FCG completouna o sub-23 Hugo Rosendo na categoría Elite, con 2:15.47 na final, 14º clasificado xusto por detrás do naronés Marco Veiga (CiclosQuintena), que investiu 34 centésimas menos en completar un descenso moi físico. Oitavo finalizou o vigués Toni Ferreiro (Coruxo), a 6,42” do ‘crono’ que lle outorgou o título ao seu veciño Ángel Suárez.
O rider con licenza do Vigo-Rías Baixas asinou o rexistro scratch entre os 300 participantes do Campionato. A súa condición de pentacampión estatal en Elite adquiriuna grazas a unha actuación que durou 2 minutos 6 segundos e 4 centésimas, mellorando en 1,91” a baixada do defensor do título Daniel Castellanos (Planet MTB) e en 2,39” a de Álex Marín (Premiá de Dalt). Deste xeito, Ángel Suárez confirmou que volve estar en forma despois da lesión que sufriu o ano pasado e que lle impediu disputar, entre outros eventos, o Campionato de España.

No que respecta aos grupos de idade Máster, na categoría 40B conseguiu a medalla de bronce Rubén Castro (OsdoSacho) e na 50B concluíu décimo Jose Ernesto Camesella (Bici Verde).
SELECCIÓNS
FEDERACIÓN
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es