09 DE MARZO DE 2026
Fotos: RFEC / Federação Portuguesa
Campión de España Infantil en 2024, o redondelán Guillermo García logrou esta fin de semana o seu primeiro triunfo na Copa de España de Cross Country Olímpico (XCO). O corredor do Avanza-O Porriño impúxose na carreira cadete do Gran Premio Internacional Candeleda-Gredos, segunda cita da temporada no certame estatal, con 16 segundos de vantaxe sobre o aragonés Marco Latorre (Ecotisa). Oitavo finalizou Pedro Cidrás (XSM).
Na proba abulense pisou o caixón outro galego. O carballiñés Marcos Rodríguez (Academia-Postal Maceda) fixo segundo en Júnior a 1 minuto do gañador, o andaluz Iker Pérez (Jesús Rosendo). Nesta categoría xa había en xogo puntos da Unión Ciclista Internacional (UCI) ao tratarse dun evento da clase C1.

Outros resultados sobranceiros do noso XCO conseguíronos a cadete Marta Utrera (Xesteiras), sexta; a elite Irene Trabazo (XSM), sétima; e a júnior Iris Santana (Coruxo), undécima. A Copa de España regresará o 18 de abril en Alpedrete (Comunidad de Madrid). Máis información
PAREDES DE COURA
Outro evento UCI, neste caso C2, activou o calendario da Taça de Portugal. O 2.º Internacional XCO Paredes de Coura contou con dúas galegas entre as tres primeiras na carreira raíña feminina. A elite Lara Lois (Xesteiras) rematou segunda, a case 4 minutos da portuguesa Beatriz Guerra (Guilhabreu), e a sub-23 Lorena Patiño (Misser Project) clasificouse terceira, a 7:40 da vencedora absoluta e tamén sub-23. En canto aos homes, o elite Jorge Aguín (Supermercados Froiz) apuntouse o oitavo posto.

A cadete Jimena Novo (Farto), no seu primeiro ano na categoría, ergueu os brazos na liña de meta con máis de 1 minuto de marxe respecto á portuguesa Dalila Sà (BTT Matosinhos). Ao podio tamén subiu Manuel Gómez (Bici Verde), segundo en Máster-60. Máis información
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
BTT
BTT
FEDERACIÓN
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es