29 DE MARZO DE 2026
Fotos: Luz Iglesias
A Semana Santa arrancou este sábado coa primeira gran 'procesión' do noso Cross Country no 2026. Un total de 728 bikers inscribíronse para desfrutar da primeira xornada do ano na que o Mini BTT e a Copa Galicia XCO compartiron escenario. Foi en Cuntis, na cuarta edición do dobre evento organizado polo Club de Montaña Xesteiras.

Como broche de ouro ao seu brillante labor, a entidade anfitrioa recibiu o premio de mellor equipo na segunda proba do certame de Cross Country Olímpico. Antes de que na sesión da tarde o pelotón da Copa Galicia competira no Vila do Cuntis, pola mañá o Mini BTT abriu o curso no circuíto do Campo das Canteiras. Unha cita inaugural da temporada que mostrou a puxanza das escolas de ciclismo da nosa comunidade ao reunir a máis de 450 participantes. (Consulta aquí as clasificación)
As categorías de maiores, dende Infantil a Máster-60, viñan de estrear o calendario da Copa de XCO o domingo anterior noutro concello pontevedres, no de Meis. Alí venceu na carreira elite e sub-23 masculina Jorge Aguín (Supermercados Froiz), que esta vez fixo segundo nun igualado duelo con Anxo Carril. O nigranés do Coruxo impúxose en Cuntis por 24 segundos de diferenza e situouse como novo líder da xeral elite. Terceiro concluíu o seu compañeiro de equipo Ricardo Buba, o mellor sub-23 da xornada, a máis de 2 minutos e medio do gañador absoluto. A cuarta e a quinta praza corresponderon, respectivamente, aos elites Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) e Rubén Deaño (Ourense Termal). Na proba Júnior repetiu vitoria Marcos Rodríguez (Academia Postal-Maceda).

Entre as alegrías que se levou o Xesteiras como local estivo o triunfo nas elite e sub-23 de Lara Lois. A campioa de España nesta especialidade no 2023 volveu exhibirse como na fin de semana anterior. A líder elite distanciouse en máis de 10 minutos de Uxía Soto (Extol-Zambora.es), portadora do dorsal amarelo sub-23. A 3' da ponteareá finalizou a tamén sub-23 Sarela Conde e o top-5 completárono, cunha volta menos que as tres primeiras, outras dúas sub-23: Fátima González (Máis Que Bicis) -cuarta- e Yaiza Vila (Creto Bikes) -quinta-. En canto á competición Júnior, impúxose de novo a líder Iris Santana (Coruxo).
Ao máis alto do podio subiron no resto de categorías do IV XCO Vila de Cuntis a infantil Aroa García (Cambre), o infantil Jorge Martín (Avanza-O Porriño), a cadete Marta Utrera (Xesteiras), o cadete Guillermo García (Avanza-O Porriño), o máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras), a máster-40 Beatriz Vicente (Podium Team), o máster-40 Samuel Baña (Toxo), o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas).
Líderes
Despois das dúas primeiras xornadas puntuables dun certame que este ano consta de once eventos, lideran os rankings Aroa García e Jorge Martín en Infantil, Clara Pintos (B Travel-Ponteareas) e Breogán Cutrín (Xesteira) en Cadete, Iris Santana e Marcos Rodríguez en Júnior, Uxía Soto e Ricardo Buba en Sub-23, Lara Lois e Anxo Carril en Elite, Carolina Díez (Creto Bikes) e José Luis Pereira (Xesteiras) en Máster-30, Beatriz Vicente e Samuel Baña en Máster-40, Antonio Rodríguez en Máster-50 e Manuel Bugallo en Máster-60.
A Copa Galicia ten unha nova cita na Semana Santa. O vindeiro sábado celébrase o II XCO Val de Esmelle en Ferrol, compartindo de novo cartel co Mini BTT e, ademais, na véspera do Mini DH do club ferrolán.
Toda a información sobre a Copa Galicia XCO podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO26 e na súa sección dentro desta mesma páxina web.

Clasificación do XCO Vila de Cuntis
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es