Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Uns 200 ciclistas danse cita este sábado no XV Trofeo Montes do Rosal

03 DE JUNIO DE 2021

As carreiras empezarán ás 16:00 horas e competirán seis categorías. O Club Ciclista O Rosal, organizador da proba, celebra o seu 40 aniversario.

Uns-200-ciclistas-danse-cita-este-sabado-no-XV-Trofeo-Montes-do-Rosal

A Praza do Calvario será este sábado 5 de xuño o punto de partida dos preto de 200 ciclistas que participarán no XV Trofeo Montes do Rosal, unha proba organizada polo Club Ciclista do Rosal en colaboración co Concello, a Federación Ciclismo Galego, a Fundación Deporte Galego, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e que conta co patrocinio de outras entidades e empresas.

A proba sairá ás 16.00 horas da Praza do Calvario e percorrerá a rúa Simón do Mazo, a estrada da Morraceira, o Camiño de Gandarela, a estrada de Santa Ana e a rúa Jesús Noia para volver á praza do Calvario. A cita congregará a participantes de varios clubs de ciclismo galegos que competirán nas categorías Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís, Cadetes e Juniors, todas con categoría masculina e feminina. Dada a situación sanitaria, será unha proba sen público e con todas as medidas de prevención para garantir a seguridade de todas as persoas.

Esta nova edición do Trofeo Montes do Rosal foi presentada no Concello coa alcaldesa, Ánxela Fernández, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Germán Fernández; Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia; Jacobo Ucha, seleccionador e técnico da Federación Ciclismo Galego; Gerardo Álvarez, presidente do club ciclista O Rosal; Eva Lomba, vicepresidenta do club, e Ramón Villar, secretario.

Dende o Concello quere felicitarse ao Club Ciclista O Rosal pola organización deste trofeo e pola celebración este 2021 do seu 40 aniversario, “catro décadas de dedicación e loita polo ciclismo e polo deporte de base”. Concello e Club Ciclista tamén queren agradecer a inestimable colaboración da veciñanza na celebración desta proba deportiva.

Fonte: Concello do Rosal

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es