Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O ciclismo feminino de Estrada rodou xunto e formouse en Betanzos

08 DE MAYO DE 2024

A ex ciclista profesional Patricia Roel e a fisioterapeuta Leila Paradela compartiron a súa experiencia e coñecementos nesta Xornada de Tecnificación FCG

O-ciclismo-feminino-de-Estrada-rodou-xunto-e-formouse-en-Betanzos

Unha vintena de promesas chegadas dende diversos puntos da nosa comunidade reuníronse o pasado domingo en Betanzos para participar na Xornada de Tecnificación da Federación Ciclismo Galego (FCG) dedicada ao pelotón feminino de Estrada. Grazas á colaboración do Club Ciclista Betanzos, do Concello de Betanzos e do IES As Mariñas, completouse con éxito unha iniciativa que combina o adestramento coa formación. De ampliar os coñecementos das corredoras encargáronse a fisioterapeuta Leila Paradela e a ex ciclista profesional Patricia Roel.

O grupo formado por ciclistas das categorías Infantil, Cadete, Júnior e Sub-23 estivo dirixido por Jacobo Ucha, técnico e seleccionador FCG. No Día da Nai, o punto de encontro foi a Praza Irmáns García Naveira. Dende alí arrancou unha sesión na que se rodou baixo a chuvia polas comarcas da Coruña e das Mariñas. Con este adestramento búscase comprobar o estado de forma das corredoras e mellorar aspectos técnicos.

 imagen

Despois de acumular quilómetros nas súas pernas, o pelotón das promesas galegas sentouse á mesa para recuperar enerxías e facer grupo. Trátase dunha convivencia para estreitar lazos e tamén formar. Nesta ocasión as charlas abordaron dous aspectos diferentes e específicos do ciclismo feminino. 

Leila Paradela abordou a cuestión do solo pelviano, a muller e o deporte. A conferencia ofrecida por esta fisioterapeuta de Betanzos tivo lugar no salón de actos do IES As Mariñas, mesmo escenario no que outra betanceira exerceu de relatora. Patricia Roel, ex ciclista que se proclamou dúas veces campioa de España Júnior, fixo sexta no Mundial xuvenil de 1999 e competiu ao máis alto nivel, ofreceu consellos e fixo partícipe das súas experiencias ás asistentes a esta xornada. Escoitando ás dúas expertas tamén estiveron Ricardo Cheda, concelleiro de Deportes da localidade anfitrioa, e Alberto Ballester, presidente do Club Ciclista Betanzos. 

imagen

A terceira actividade de tecnificación que este ano a FCG organizou para o ciclismo de Estrada pechouse coa satisfacción de ter cumprido os seus principais obxectivos. As corredoras volverán xuntarse este sábado para participar no XVII Premio Ciclista San Isidro de Rois e nas vindeiras semanas moitas delas acudirán a campionatos e outras competicións coa Selección de Galicia. 

 

GALERÍA DE FOTOS

O ciclismo feminino de Estrada rodou xunto e formouse en Betanzos
O ciclismo feminino de Estrada rodou xunto e formouse en Betanzos
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es