A fin de semana de apertura da Copa Galicia de Ciclocrós 2023 ofreceu unha dobre entrega na Costa Ártabra. Despois da cita inaugural do sábado en Betanzos, este domingo disputouse a segunda xornada en Ferrol con oito ciclistas repetindo triunfo. Un deles foi o elite Samuel González (Máis Que Bicis) mentres que a gañadora da carreira raíña feminina, a elite Carla Fernández (QueBici-Marcisport), estreou a súa conta de vitorias desta campaña no Ciclocrós Val de Esmelle.
A sétima edición deste evento superou os 200 participantes e as dúas probas Elite-Sub23 estiveron dominadas por ciclocrosistas chegados dende Vigo. O olívico Samuel González volveu ter como principal ameaza ao sub23 Gabriel Conde (Avanza-O Porriño). Nesta ocasión o duelo polo primeiro absoluto decantouse por 27 segundos a prol do líder elite.
A terceira praza na liña de meta, ao igual que en Betanzos, correspondeu a Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), a 1:29 do gañador e con 29" de marxe respecto ao cuarto clasificado, o tamén elite Xavier Meizoso (Narón). O top-5 pechouno o sub23 Brais Fernández (Academia Postal - Maceda). Na mesma quenda Martín Díaz (Caimanes Betanzos) repetiu triunfo nos juniors, impoñéndose por 20" a Darío Buceta (Compostelano), que bateu nos últimos metros a Raúl Puelles (Caimanes Betanzos).
En canto aos cadetes, Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) subiu ao máis alto do podio e Lucas Lozano (XSM) asaltou o primeiro posto da xeral. Por outra banda, nas carreiras Máster masculinas confirmaron os seus liderados con vitorias Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) nos 60 e os portugueses Augusto Midao, nos 30, e Rogerio Matos, nos 40, ambos do Rompe Trilhos. A tripla lusa impediuna Eloy Otero (In Situ), nos 50, superando a Antonio Passos (Rompe Trilhos), vencedor en Betanzos.
A quenda feminina tivo protagonistas diferentes ás da véspera na proba Elite-Sub23 e Júnior. A viguesa Carla Fernández sumou o seu primeiro triunfo deste exercicio nunha carreira na que as tres primeiras inscribiron o seu nome no palmarés de gañadoras no Val de Esmelle. A 1:28 da elite do QueBici-Marcisport rematou Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) como vencedora sub23 e nova líder do seu grupo de idade. A terceira praza obtívoa outra representante do conxunto macedao, Iris Fernández, a mellor júnior da xornada.
A elite Iria Nieto (Compostelano) fixo cuarta por diante de Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), a ciclista que agora encabeza a xeral da categoría raíña. A camisola júnior da Copa Galicia tamén cambiou de propietaria, vestíndose con ela Sara Peón (XSM). As líderes que asinaron unha fin de semana perfecta, dúas carreiras e dúas vitorias, foron a cadete Alejandra Neira (Cambre) e a máster-40 Rocío Blanco (A Forna).
O programa da xornada de ciclocrós organizada polo Club Esmelle resultou do máis completo, coa manga de promoción infantil e a celebración da carreira inclusiva. Despois dun intenso arranque, a Copa Galicia tómase un respiro e regresará con dobre cita o 11 e o 12 de novembro: o sábado en O Rosal e o domingo en A Cañiza.
Toda a información sobre este certame autonómico podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es