Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O bloque do Xesteiras e Eva Ortega exhíbense na Copa Galicia Resistencia de Camariñas

08 DE FEBRERO DE 2022

María Martínez e Manuel Parada continúan á fronte das xerais absolutas a falta dunha xornada. Por parellas venceron María José Veiga-Begoña Espina, Jorge Pérez-Uxío Canosa e Lara Lois-Fernando Guerra.

O-bloque-do-Xesteiras-e-Eva-Ortega-exhibense-na-Copa-Galicia-Resistencia-de-Camarinas

Fotos: Luz Iglesias

Nun escenario espectacular, ao carón do mar e co mítico faro do cabo Vilán presidindo o circuito, a Copa Galicia Resistencia celebrou o domingo en Camariñas a súa terceira e penúltima xornada. A 3H Resistencia Ruta da Caramiña tivo como grandes triunfadores ao bloque do CDM Xesteiras, que copou o podio absoluto masculino, e a Eva Ortega (Extol MTB Team) entre as mulleres. Con dous centenares de bikers en liza, por primeira vez no certame autonómico posto en marcha esta temporada disputáronse tres categorías de parellas

O tempo solleiro, ao igual que nas dúas anteriores citas desta Copa, acompañou ao pelotón do evento organizado pola Peña Ciclista Baikers do Vilán. O trazado duns 6 quiómetros de lonxitude e 140 metros de desnivel positivo acumulado adaptábase ás características dos rodadores e permitiu ao Xesteiras exhibir o seu potencial colectivo. O máster-40 Fernando Díaz (Narón) foi quen máis resistiu o ritmo ao trío monocor que rematou a proba cun minuto de vantaxe respecto ao seu perseguidor e cos seus integrantes repartíndose os postos do caixón absoluto. 

Tras completar once voltas en 2 horas 58 minutos e 57 segundos, o máster-40 Iván Pereira cruzou a liña de meta por diante dos máster-30 Daniel García e Manuel Ángel Parada, líder absoluto da Copa. Díaz asinou a cuarta praza e a quinta, dando unha volta menos que os catro primeiros, correspondeu a David Fernández (Narón), gañador elite. No resto de categorías individuais masculinas subiron ao máis alto do podio o júnior Danny Buba (Coruxo) e Juan Manuel Expósito (MTC Team) nos máster-50/60. 

Empate na xeral

Ausente o domingo anterior en Boiro, pola coincidencia coa Copa de España XCM, Eva Ortega regresou con forza ao calendario autonómico. A representante do Extol deu en 2:56:14 nove voltas ao circuíto, unha máis que as tamén elites Diana Blanco (Bicicletas Chinquena) e María Martínez, segunda e terceira respectivamente. A biker do Armenteira e Punto mantén grazas ao seu terceiro posto a camisola de líder absoluta feminina, empatada a 300 puntos coa vencedora en Camariñas. Rebeca Nieto (Vara e Pedal) terminou como primeira máster. 

A falta dunha xornada, a deste vindeiro domingo en Muros, os Rankings individuais por grupos de idade teñen á fronte ao júnior Ricardo Liste (Compostelano), á elite Eva Ortega, ao elite David Fernández, ao máster-30 Manuel Parada, ao máster-40 Iván Pereira, á máster Rebeca Nieto e a Juan Manuel Expósito no máster-50/60.

Parellas

A Copa Galicia Resistencia ofrece a opción de participar por parellas e a competición de dúos femininos estreouse en Camariñas. Por primeira vez tomaron a saída tandems de mulleres, con María Jesús Veiga (Quercus-Aper)-Begoña Espina (Narón) anotándose o triunfo ao superar a Andrea Pousada (Poio Bike)-Jana Buba (Coruxo).

Tamén se rexistrou o debut da parella Lara Lois-Fernando Guerra (Extol), dominadores da clasificación mixta por diante de Mónica Alarcón-Iván Vidal (Louriña), segundos, e dos líderes Sonia Costoya-Javier Baúlde (Corbelo). Onde se mantivo a tónica habitual foi nos dúos masculinos, prologando a dupla Uxío Canosa-Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) a súa condición de invictos. Aos líderes escoltáronos no podio Antonio Mato e Jesús Martínez (Toxo), segundos, e Iván Fernández e Daniel Rodríguez (Ourense Termal), terceiros.

A cerimonia de entrega de premios contou coa presenza de Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas; Fabián Canosa, concelleiro de Educación e Deporte; Encarna Liñeiro, concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo; representantes da P.C. Baikers do Vilán; e de Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. 

Clasificacións con tempos por volta

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

O bloque do Xesteiras e Eva Ortega exhíbense na Copa Galicia Resistencia de Camariñas
O bloque do Xesteiras e Eva Ortega exhíbense na Copa Galicia Resistencia de Camariñas
O bloque do Xesteiras e Eva Ortega exhíbense na Copa Galicia Resistencia de Camariñas
O bloque do Xesteiras e Eva Ortega exhíbense na Copa Galicia Resistencia de Camariñas
O bloque do Xesteiras e Eva Ortega exhíbense na Copa Galicia Resistencia de Camariñas
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es