Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Manuel Parada toma o mando da Copa Galicia BTT 3h Resistencia en Muros

29 DE ENERO DE 2024

Desiree Fernández mantense invicta entre as mulleres. Triunfos por parellas de Peón-Conde, Nieto-Vilanova e Varela-Rodríguez

Manuel-Parada-toma-o-mando-da-Copa-Galicia-BTT-3h-Resistencia-en-Muros

Fotos: Luz Iglesias

Tres edicións da Copa Galicia BTT 3h Resistencia e tres visitas a Muros. Nunha das citas ineludibles do certame invernal coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG), o segundo clasificado absoluto nas dúas anteriores xornadas tomou o mando. O líder máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras) asinou o mellor rendemento nos 180 minutos de competición. Entre as mulleres, a elite Desiree Fernández (RSBike) continúa invicta. 

No terceiro dos cinco desafíos que compoñen o calendario da primeira Copa Galicia do 2024 inscribíronse 252 participantes, medio cento máis que hai un ano no evento organizado polo Club Ciclista Muros. O campo de fútbol de Agra da Filgueira repetiu como escenario, un circuíto con costas, baixadas e zonas de barro, é dicir, variedade con pouco descanso. Un trazado esixente no que o pelotón biker enlamouse a fondo malia que a chuvia non compareceu na parroquia de Louro. 

imagen

Outra ausencia foi a de Ángel Maneiro, o elite do Supermercados Froiz que se impuxo os dous domingos anteriores, en Lousame e en Noia. Sen a súa principal ameaza, que a partir de agora estará centrado no calendario de estrada, o bloque do Xesteiras arrasou. O conxunto de Cuntis acaparou as catro primeiras posicións da táboa absoluta masculina, unha exhibición que liderou Manuel Parada. O corredor de Aguiño cruzou nove veces a liña de meta avantaxando en 5 minutos ao tamén máster-30 Samuel Baña e a Iván Pereira, gañador elite e novo líder da súa categoría. O póker do conxunto de Cuntis selouno o máster-30 Daniel García Castaño. 

A quinta praza absoluta obtívoa o outro biker que conseguiu completar nove voltas, o vencedor máster-40 Alejandro Paleo (Extol-Zambora.es). No resto de clasificacións masculinas triunfaron Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) nos juniors, Danny Buba (Coruxo) nos sub-23, Jorge Novoa (Burgas Bike) nos máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) nos máster-60. 

imagen

Cunha autoridade semellante a das dúas anteriores xornadas, Desiree Fernández dominou no apartado feminino. A líder elite deu seis voltas distanciándose en 5'29 da máster-40 Rebeca Muñoz (Xesteiras), que fixo a súa primeira aparición desta campaña na Copa. Outra máster-40, Olalla Duro (BTT O Treito), rematou terceira e compartindo top-5 coas elites Juana María Vidal (Moto Bike) e Andrea Escudeiro (Ribadumia), cuarta e quinta, respectivamente. 

Un total de dezaseis mulleres participaron nas probas individuais e ao máis alto do podio tamén subiron como gañadoras das súas categorías a júnior Nerea Suárez (Becani), a sub-23 Sofía Ferreiro (Esmelle) e a máster-30 Mónica Álvarez (Toxo). 

imagen

A 3H BTT Resistencia Concello de Muros ampliou a listaxe de rankings nesta edición da Copa ao rexistrarse a primeira presenza da temporada dunha parella feminina. Uxía Conde e Sara Peón (Poio Bike - XSM) estrearon esta competición por remudas. En cantos aos dúos mixtos, Iria Nieto e Ángel Vilanova (Team Oiense - Compostelano) seguen imparables. Sumaron oito voltas, unha máis que Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde). O terceiro chanzo do caixón ocupárono Olga Traba e Daniel Brea (Monteneme).

Un paso máis por meta que os segundos clasificados tamén o realizaron os líderes das parellas masculinas Samuel Varela e Fabián Rodríguez (Cambre). Álvaro Pérez e Antonio Mato (Toxo) non contaron con opcións de arrebatarlles o triunfo e o que estivo aberto ata os metros finais foi o duelo pola terceira praza con David Seage e Rubén Castiñeiras (Speedcross) batendo por 2" a Nicolás Fernández e Mauro Vega (Coruxo). Sen puntos en xogo para a Copa disputáronse as tres carreiras de dúos cadetes con vitorias para Alba Lama e Lía Rodríguez (Cretos - Cambre), Xiana Coira e Roberto Casal (Cambre), e Breixo Cochón e Breogán Fraga (Poio Bike).

imagen

As camisetas de líderes deste certame, conmemorativas do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 que se celebrará en Pontevedra, pertencen a falta de dúas xornadas a Nerea Suárez e Adrián Caamaño en Júnior, a Sofía Ferreiro e Ricardo Liste (Lasas Cocinas - Louriña) en Sub-23, a Desiree Fernández e Iván Pereira en Elite, a Mónica Álvarez e Manuel Parada en Máster-30, a Sofía da Silva (Extol-Zambora.es) e Alejandro Paleo en Máster-40, a Juan Iglesias (Ferrol) en Máster-50, a Manuel Bugallo en Máster-60, a Uxía Conde e Sara Peón nas parellas femininas, a Iria Nieto e Ángel Vilanova nas mixtas e a Samuel Varela e Fabián Rodríguez nas masculinas. Damián Torea, concelleiro de Deportes de Muros, entregou os premios xunto aos representantes do club organizador e a David Carrillo, secretario da FCG. 

A penúltima cita do calendario chegará o vindeiro domingo en Camariñas. Toda a información sobre a Copa Galicia BTT 3h Resistencia podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaR24

imagen

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Manuel Parada toma o mando da Copa Galicia BTT 3h Resistencia en Muros
Manuel Parada toma o mando da Copa Galicia BTT 3h Resistencia en Muros
Manuel Parada toma o mando da Copa Galicia BTT 3h Resistencia en Muros
Manuel Parada toma o mando da Copa Galicia BTT 3h Resistencia en Muros
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es