Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia de Resistencia en Narón pon en xogo as primeiras coroas da temporada no BTT

01 DE MARZO DE 2024

O novo trazado do circuíto do Pedroso ofrecerá unha proba sinónimo de intensidade e emoción durante 3 horas

O-Campionato-de-Galicia-de-Resistencia-en-Naron-pon-en-xogo-as-primeiras-coroas-da-temporada-no-BTT

 

Unha loita contra o reloxo e os elementos. Este domingo dende as 10:00 horas a terceira edición do Campionato de Galicia de Resistencia dispútase na cidade de Narón. As chuvias dos últimos días engadirán unha dose máis de dureza á gran cita da temporada dunha especialidade que se caracteriza pola intensidade e a emoción. As primeiras coroas do 2024 no BTT autonómico recibiranas as bikers e os bikers que sumen máis voltas durante as 3 horas de duración da carreira.

O evento organizado polo Club Ciclista Narón estaba previsto inicialmente que se celebrara o pasado 18 de febreiro, pero a coincidencia coas eleccións ao Parlamento de Galicia provocou que se adiara ata este domingo. Deste xeito, transcorreron tres semanas dende que o 11 de febreiro se pechou en Vilagarcía a Copa desta especialidade da bicicleta de montaña. A maioría das gañadoras e dos gañadores dese certame formarán parte do pelotón de 200 ciclistas que rodará polo circuíto do Pedroso.

imagen

Na mesma parroquia que no 2023 acolleu a apertura da Copa Galicia de Resistencia, o Club Ciclista Narón preparou un novo trazado. O percorrido de A Pombiña alcanza os 6 quilómetros. As adversas condicións meteorolóxicas dos últimos días, incluído o temporal da pasada semana, obrigou á entidade anfitrioa a realizar un arduo traballo de mantemento para que o escenario da competición presente as mellores condicións posibles.

Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG) agradeceu durante a presentación do Campionato de Galicia de Resistencia 2024 Cidade de Narón “a aposta do Concello por promocionar o ciclismo” e destacou “a experiencia” como organizador do club que exerce de local nesta cita. Nese acto tamén participou Ibán Santalla, concelleiro de Deportes, xunto a Samuel Bustabad e José Luis Fernández, presidente e vogal do Club Ciclista Narón.

imagen

 

Os títulos individuais dende as categorías Júnior ata Máster-60 non serán os únicos en xogo. Haberá competición por parellas mixtas, femininas e masculinas. O ano pasado a batalla polas camisolas autonómicas desta especialidade tivo lugar en Lousame e conquistáronas Francisco Agrafojo e Lara Fuentes en Júnior, Sofía Álvarez e Ricardo Buba en Sub-23, Irene Trabazo e Rubén Quintáns en Elite, Manuel Ángel Parada en Máster-30, Miriam Iglesias e Fernando Díaz en máster-40, María del Carmen Armada e Antonio Rodríguez en Máster-50, Manuel Dorrio en Máster-60, Rebeca Muñoz - Yago Fernández nos dúos mixtos, Uxío Canosa - Pablo Rodríguez nos masculinos e Sheila Sánchez - Verónica González nos femininos.

Toda a información sobre este Campionato podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CampionatoR24 e nesta mesma páxina web

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es