Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas

03 DE FEBRERO DE 2025

Raquel Román-Raúl Cancelas e Darío Otero-Ángel Vilanova, triunfadores por parellas na segunda cita da Copa Galicia 3h Resistencia

Os-lideres-Tamara-Seijas-e-angel-Maneiro-repiten-en-Camarinas

Fotos: Luz Iglesias

Ao pasar por Camariñas, a Copa Galicia 3h Resistencia reactivouse. Despois da suspensión na anterior fin de semana da proba de Noia por mor das adversas condicións climatolóxicas, o primeiro certame do ciclismo galego no 2025 celebrou este domingo a súa segunda xornada puntuable. Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e Tamara Seijas (RG Bikes), os dous defendendo as camisolas de líderes elite, impuxéronse con autoridade no circuíto deseñado pola Peña Ciclista Baikers do Vilán. 

O fermoso percorrido de 6 quilómetros pola zona recreativa do Ariño, con treitos a carón do mar, pouco tivo que ver en canto ao estado do terreo respecto ao da cita inaugural da Copa en Lousame. Nun día solleiro, apenas houbo lama. O que si se repetiu foi o dominio de Ángel Maneiro. Sendo o único dos 222 participantes que completou dez voltas, o noiés reinou na quinta edición da 3 Horas BTT Resistencia Concello de Camariñas. 

imagen

O máster-30 Samuel Baña (Xesteiras) mantivo o ritmo máis alto entre os que acumularon nove xiros ao circuíto, avantaxando en 1 minuto a dous bikers do Extol-Zambora.es, ao gañador sub-23 Adrián Caamaño e ao elite Yago Fernández. O resto de vitorias masculinas individuais corresponderon a Brais Vázquez (Cambre-Sibuscascoche) nos júniores, a Uxío Canosa (Extol-Zambora.es) nos máster-40, a Manuel Rodríguez (Aguzo) nos máster-50 e a Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) nos máster-60. 

Cun total de sete voltas e unha marxe superior aos 8 minutos sobre a segunda clasificada, Tamara Seijas tampouco deu opción entre as mulleres. Por detrás da lalinense, Iria Nieto (Team Oiense) acadou o segundo posto elite. A terceira praza absoluta e o triunfo júnior colleitounos Lara Pita (Planet MTB).

A táboa sub-23 encabezouna Yaiza Vila (Creto Bikes). Amira Simón (Tríatlon Atlántico) nas 30, Paula Blanco (Monte Xalo) nas 40 e Mónica Campagna (Ancares Bike) nas 50, venceron nos grupos de idade máster. 

Parellas

Ángel Vilanova e Darío Otero (Compostelano-Cambre) ratificaron a súa condición de líderes nas parellas masculinas. Sumaron nove voltas, rexistro que ningún outro dúo alcanzou. Alberto Gómez e Antonio Vila (DS Team) e Manuel Barreiro e Daniel Vello (Poio Bike) ocuparon a segunda e a terceira posición, respectivamente, con oito xiros. Esa mesma cifra lográrona Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde), primeiros nas parellas mixtas logo de bater por case 4 minutos a Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo). O podio completárono Susana López e Marcos Gómez (Bikestrada).

Para a categoría cadete a carreira dura 2 horas e as vitorias conquistáronas Aroa Ferreño e Andrea Paz (Esmelle) nos dúos femininos, Lía Rodríguez e Lucas Seijo (Creto-Sanomedio) nos mixtos e Breixo Cochón e Breogán Fraga (Poio Bike) nos masculinos. 

imagen

A terceira e penúltima xornada desta Copa Galicia terá lugar en Vilagarcía o vindeiro domingo, día 9 de febreiro. Á capital da comarca de Arousa chegarán como líderes Noa Rodríguez (Creto Bikes) e Brais Vázquez en Júnior, Yaiza Vila e Adrián Caamaño en Sub-23, Tamara Seijas e Ángel Maneiro en Elite, Amira Simón e Samuel Baña en Máster-30, Paula Blanco e Uxío Canosa en Máster-40, Mónica Campagna e Manuel Prol (Olívico) en Máster-50, Manuel Bugallo en Máster-60, Raquel Román e Raúl Cancelas nas parellas mixtas, Ángel Vilanova e Darío Otero nas masculinoas, e nos dúos cadetes Aroa Ferreño e Andrea Paz, Lía Rodríguez e Lucas Seijo, e Marco Núñez e Alberto Rial (Ribadumia).

Toda a información sobre este certame podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST25

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
Os líderes Tamara Seijas e Ángel Maneiro repiten en Camariñas
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es