Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A terceira edición da Copa Galicia de Pump Track lanzouse no Endurrazo

25 DE JUNIO DE 2025

Sergio Veiga e Alba Fernández marcaron os rexistros scratch no primeiro dos seis eventos puntuables

A-terceira-edicion-da-Copa-Galicia-de-Pump-Track-lanzouse-no-Endurrazo

Fotos: Endurrazo / Concello de Moaña

Dous dos referentes do Pump Track a nivel estatal comezaron mandando na terceira edición da Copa Galicia. O naronés Sergio Veiga e a redondelá Alba Fernández, riders sub-23 do Pontebike, asinaron os mellores tempos absolutos o pasado sábado no Endurrazo. A proba moañesa abriu un calendario que neste 2025 consta de seis eventos e que se prolongará ata o 5 de outubro.

O THC Bike exerceu de primeiro club anfitrión e reuniu a 130 participantes na pista do Casal. Invicto esta campaña na categoría Sub-23 da Copa de España, Sergio Veiga detivo o cronómetro en 10 segundos e 497 milésimas na segunda quenda. O piloto do Pontebike bateu por 194 milésimas ao tamén sub-23 Iván García (Val do Ulló) e por 462 milésimas ao terceiro clasificado scratch Pedro Fernández (OsdoSacho), gañador júnior. 

imagen

Tampouco coñece outro posto que non sexa o primeiro sub-23 esta campaña no certame estatal Alba Fernández, pero no arranque da Copa Galicia estivo a piques de non acadar a primeira posición absoluta en Moaña. A súa marca de 12.260" na segunda rolda rebaixou por tan só 6 milésimas o rexistro da cadete Paula Rodríguez (Val do Ulló) na primeira quenda. A vencedora elite Yuli Paola Rey (Kiwi Atlántico Craega) ocupou a terceira praza a 731 milésimas da representante do Pontebike. 

O resto de categorías teñen como líderes despois da primeira xornada a Sofía Casal (Val do Ulló) e Noel Vidal (Val do Ulló) en Promesa, a Alén Hermida (Pulpeiros) en Principiante, a Vera Rodríguez (Lasal Cocinas - Craega) e Leo Díaz (Pontebike) en Alevín, a Inés Araújo (VigoEnduro) e Lucas Hermida (Val do Ulló) en Infantil, a Miguel Blanco (A Forna) nos cadetes, a Javier Novo (BDM) nos elites, a Ana Santos (VK Bikes) e Alejandro Pérez (Maese Ourense) en Máster-30, a Tamara Santos (VK Bikes) e Francisco Manuel Lorenzo (Bike ou non Vai) en Máster-40, a Rosa María López (Maese Ourense) e Alberto Manuel García (Maese Ourense) en Máster-50, e a Antonio Piñeiro (Maese Ourense) nos máster-60. 

imagen

A Copa Galicia de Pump Track continurá o 5 de xullo co Gran Premio Concello de Xove. Mugardos (23 de agosto), Ourense (7 de setembro), Miño (27 de setembro) e Pereiro de Aguiar (5 de outubro) serán as outra sedes. Antes de que regrese o certame autonómico, Mondariz acollerá este sábado a cuarta e penúltima cita da Copa de España. 

Toda a información sobre a Copa Galicia 2025 podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

Clasificacións 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es