Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A categoría cadete lócese no fin de festa da Copa Galicia de Pump Track

07 DE OCTUBRE DE 2025

Paula Rodríguez (Val do Ulló) e Miguel Blanco (A Forna) marcaron os mellores tempos no Pereiro de Aguiar

A-categoria-cadete-locese-no-fin-de-festa-da-Copa-Galicia-de-Pump-Track

A terceira edición da Copa Galicia de Pump Track rematou este domingo na mesma pista que un mes antes vibrou co Campionato autonómico. A explosividade e a emoción regresaron ao concello ourensán do Pereiro de Aguiar da man do club Maese Riders Team. Seis categorías xa estaban decididas matematicamente e as outras dez resolvéronse nesta fin de festa con dous cambios de líderes. 

A quinta e última xornada do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego celebrouse unha semana despois de que a chuvia obrigara a cancelar a cita de Miño e na antesala do Campionato de España do vindeiro sábado, día 11, en Monzón (Huesca). Entre a centena de participantes do II Pump Track Concello do Pereiro, os tres rexistros máis rápidos establecéronos pilotos cadetes. O salcedense Miguel Blanco (A Forna), o líder da súa categoría, marcou o scratch con 13 segundos e 267 milésimas, batendo por 338 milésimas a Noé Porto (Máster da Louriña) e por 463 a Izan Lago (Val do Ulló). Da barreira dos 14 segundos baixaron catro riders máis: o gañador júnior Pedro Fernández (OsDoSacho) -cun 'crono de 13.902-, o cadete Raúl Rodríguez (Maese Ourense) -13.919-, e os júniores Héctor Iglesias (Kamikazes) -13.926- e Sergio Hidalgo (Pontebike) -13.998-.

O mellor tempo feminino tamén estivo na categoría cadete. Tal e como aconteceu no Campionato de Galicia, a ourensá Paula Fernández (Val do Ulló) foi a raíña da pista. A gañadora absoluta detivo o cronómetro en 14.405. A segunda posición scratch correspondeu a Jimena Novo (Farto), vencedora con 15.602 da emocionante pugna pola vitoria Infantil na que a líder Inés Araújo (VigoEnduro) fixo segunda con 15.631 e Carla Pérez (Val do Ulló), terceira con 15.851. O top-5 feminino completouno a cadete Daniela Vilas (Farto) grazas a unha marca de 16.224.

O triunfo no resto de categorías obtivéronos Iker Viéitez (Teis) en Infantil, Iván García (Val do Ulló) en Sub-23, Alejandra Chapela (VK Bikes) e Miguel Pimentel (Maese Ourense) en Elite, Alejandro Pérez (Maese Ourense) en Máster-30, Tamara Santos (VK Bikes) e Francisco Manuel Lorenzo (Bike Ou Non Vai) en Máster-40 e José Ramón Vázquez (Ribadumia) en Máster-50. 

imagen

Os puntos que se repartiron no Pereiro de Aguiar propiciaron dúas novidades no máis alto das clasificacións xerais. O elite Miguel Pimentel e o máster-50 José Ramón Vázquez asaltaron o primeiro postos dos seus rankings. As outras camisolas de líderes finais da Copa Galicia de Pump Track 2025 conquistáronas Inés Araújo e Iker Viéitez en Infantil, Paula Rodríguez e Miguel Blanco en Cadete, Pedro Fernández en Júnior, Alba Fernández (Pontebike) e Iván García en Sub-23, Alejandra Chapela en Elite, Ana Santos (VK Bikes) e Alejandro Pérez en Máster-30, Tamara Santos e Francisco Manuel Lorenzo en Máster-40, Rosa María López (Maese Ourense) en Máster-50 e o máster-60 Antonio Piñeiro (Maese Ourense).

Toda a información sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG. 

imagen

Tamén o deron todo na pista do Complexo Deportivo Monterrei as categorías de promoción, sen puntos en xogo para a Copa Galicia. Apuntáronse as vitorias Sofía Casal (Val do Ulló) e Noel Vidal (Val do Ulló) en Promesa, Alén Hermida (Pulpeiros) en Principiante, e Elena Filgueira (Val do Ulló) e Thiago Beiro (BMX Cromoly) en Alevín. 

Clasificacións 

imagen

Fotos: La Región

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es