27 DE SEPTIEMBRE DE 2020
Foto: Federaçao Portuguesa de Ciclismo
O ciclismo galego arrancou ao grande na edición especial da Volta a Portugal. Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) impúxose por 1 segundo de diferenza este domingo no prólogo de 7 quilómetros disputado en Fafe. O vilagarcián non foi o único representante autonómico que subiu ao podio. Carlos Canal (Burgos-BH) vestiuse a camisola branca da clasificación da Xuventude.
Aos seus 40 anos, o corredor máis veterano nesta edición da rolda lusa puxo de manifesto que volve chegar en plena forma ao seu gran obxectivo da temporada. Veloso rodou en Fafe a unha velocidade media de 43,523 km/h e detivo o reloxo en 9 minutos e 39 segundos. O dobre gañador da Grandíssima rebaixou en 1" o tempo de Rafael Reis (Efapel) e de Daniel Mestre (W52-FC Porto).
"É a miña undécima Volta e xa tiña tres segundos postos en prólogos. Desta vez estiven a piques de facer segundo de novo, pero, felizmente, conseguín vencer", apuntou Veloso, que con este triunfo inaugurou o seu casilleiro de vitorias neste atípico 2020. "A idade só e un número, o que conta é a determinación, o traballo e crer nun mesmo. A pandemia perxudicou a todos os deportistas, pero chegamos todos practicamente nas mesmas condicións. A carreira acaba de comezar e faltan os días duros para definir a clasificación xeral", engadiu o primeiro líder da Volta 2020.
O segundo galego no prólogo foi o estradense Alejandro Marque (Atum General-Tavira), 17º a 21" de Veloso, e entre os 30 primeiros tamén rematou Canal. A actuación do limiao, 26º a 28", serviulle para ocupar o primeiro posto na clasificación da Xuventude. O galego do Burgos-BH demostrou unha dobre capacidade de adaptación. Non lle pasou factura entrar a última hora na aliñación do seu equipo, nin tampouco estrearse neste prólogo sobre una 'cabra' de contra o reloxo. Delio Fernández (Nippo Delko), 52º a 43", e Ángel Sánchez (Miranda-Mortàgua), 87º a 1:08, completaron a actuación dos corredores da nosa comunidade.
O gran evento ciclista do país veciño continuará este luns preto de terras galegas. Entre Montalegre e o Alto de Santa Luzia, en Viana do Castelo, terá lugar a primeira das oito etapas en liña. Esta tirada, con final nun porto de 3ª categoría, é a máis longa da Volta (180 km).
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
AVISOS
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es