05 DE OCTUBRE DE 2020
Foto: Federaçao Portuguesa de Ciclismo
A edición especial da Volta a Portugal finalizou do mesmo xeito que comezou, cunha vitoria de Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) na loita individual contra o reloxo. O de Bamio marcou este luns o mellor tempo nos 17,7 quilómetros de percorrido polas rúas de Lisboa. A súa exhibición na capital lusa permitiulle ascender á segunda praza da xeral, pero resultou insuficiente para desbancar da primeira ao seu compañeiro de equipo Amaro Antunes, vencedor final da Grandíssima.
Veloso, aos seus 40 anos, demostrou dende as primeiras pedaladas a súa condición de especialista e de máximo favorito á vitoria parcial na novena e última xornada da Volta. O de Bamio compareceu na Praça do Comércio lisboeta tras 21 minutos e 34 segundos de esforzo, rodando a unha media de 49,243 km/h. António Carvalho (Efapel) foi o segundo máis rápido, a 8", e o francés Anthony Delaplace (Team Arkéa) terminou terceiro na etapa, a 17". O sexto mellor rexistro, a 27", correspondeu a Alejandro Marque (Atum Geral-Tavira).
O líder quedou a 31" do gañador da xornada, defendendo con éxito a renda de 1:13 coa que afrontaba o desafío de Lisboa. A Veloso escapóuselle a súa terceira Volta a Portugal por 42", pero si que adiantou na xeral a Federico Figueiredo (Atum General-Tavira), que aventaxaba en 1 minuto ao arousán e perdeu 1:10 na crono.
"Saín a loitar pola contrarreloxo, pero tamén para intentar gañar a Volta. Sabía que Amaro estaba forte e que a crono era corta, pero permitía marcar diferenzas. Conseguín vencer a etapa e o equipo logrou o primeiro e o segundo posto na xeral. É a mellor maneira de dignificar os patrocinadores que, nunha temporada tan complicada, continúan a darnos apoio. Anunciou que vou correr un ano máis, porque nesta Volta non puidemos convivir cos aficionados", explicou Veloso.
Malia ao seu bo peche da rolda lusa, Marque cedeu un posto na xeral e tivo que conformarse coa oitava posición, mentres que Delio Fernández (Nippo Delko), que tamén perdou unha praza, concluíu décimo. Galicia contou con tres representantes no 'top-10' e con dous debutantes que se bautizaron na Grandíssima completando o percorrido: Carlos Canal (Burgos-BH) e Ángel Sánchez (Miranda-Mortágua), 39º e 66º respectivamente.
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es