Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Guillermo García comanda o dominio dos cadetes galegos na apertura da Copa de España de Ciclocrós

07 DE OCTUBRE DE 2025

O corredor do Avanza-O Porriño gañou en Gijón por diante de Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas) nunha carreira con cinco ciclistas da nosa comunidade no top-10

Guillermo-Garcia-comanda-o-dominio-dos-cadetes-galegos-na-apertura-da-Copa-de-Espana-de-Ciclocros

Fotos: Luz Iglesias / RFEC

A Copa de España de Ciclocrós chega esta vindeira fin de semana a Marín despois de iniciar o seu calendario o pasado domingo en Gijón. Na primeira das oito probas puntuables, o CX galego amosou cantidade e calidade na categoría cadete con vitoria de Guillermo García (Avanza-O Porriño), segundo posto de Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas) e outros tres corredores da nosa comunidade entre os dez primeiros. Ademais, entre outros resultados sobranceiros, a representación da nosa autonomía asinou dous podios nos grupos de idade Máster. 

O triunfo de Guillermo García resultou incontestable no circuíto de Las Mestas. O cadete do Avanza-O Porriño venceu en solitario con 47 segundos de vantaxe. A emoción concentrouse na loita por acompañalo no caixón, con cinco ciclistas pugnando ata os metros finais pola segunda praza. O máis rápido nesa batalla foi Aarón Rodríguez e terceiro concluíu o valenciano Marc Sancho (Sumistock), con Pedro Cidrás (XSM) na cuarta praza. Dentro do top-10 tamén entraron Hugo Rodríguez (Máster da Louriña), sétimo, e Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), noveno, ambos debutantes na categoría. 

imagen

O noso CX contou con outra ampla representación na quenda cadete feminina e o mellor resultado obtívoo Vega Aldrey (Cambre), que fixo quinta. En canto ás carreiras de júniores, Xián Rodríguez (Cortizo) na décima posición e Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) na 13ª encabezaron as actuacións galegas, mentres que nas probas raíñas lograron postos de honra Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), sétimo absoluto e cuarto elite, e María Filgueiras (XSM), oitava absoluta e cuarta sub-23. 

imagen

Eloy Otero protagonizou o papel máis destacado no apartado Máster. O corredor do In Situ terminou segundo no grupo de idade dos 50 anos, a 14" do vencedor, o vasco Manu Quintanilla (Ciclos Yurrebaso). A sétima praza correspondeu a Guillermo Álvarez (Cambre) e a oitava, a Francisco Muñoz (Debra Piel de Mariposa). 

imagen

O segundo podio máster galego colleitouno Beatriz Vicente (Podium Team), terceira entre as M40. Pola súa banda, como primeiro M30 da nosa comunidade rematou Jonathan Sousa (In Situ), na sétimo posición, e entre os M40 Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), undécimo. 

imagen

O XaxanCX exercerá este domingo de segunda xornada da Copa de España. Baixo a organización do club XSM, a proba marinense goza da condición de evento da clase 2 no calendario da Unión Ciclista Internacional tanto na categoría Elite e Sub-23 como na Júnior. 

Máis información

 

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es