08 DE MARZO DE 2023
Nun día tan sinalado como o 8 de marzo, a Federación Ciclismo Galego (FCG) anuncia a segunda edición das 'Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas'. Logo do éxito que supuxo a súa estrea o pasado mes de setembro, o gran cumio do ciclismo feminino celebrarase neste 2023 durante a Semana Santa, o 5 e o 6 de abril. O municipio pontevedrés de Marín repetirá como sede.
As instalacións do Colexio SEI San Narciso volven acoller esta iniciativa coa que a FCG deu un paso máis na súa aposta polo binomio muller e bicicleta. Aumentar os coñecementos teórico-prácticos e crear vínculos entre as corredoras a través da convivencia son as dúas principais metas a alcanzar nesta xuntanza dirixida a ciclistas de todas as categorías de base e de todas as modalidades. Nos vindeiros días os clubs recibirán as convocatorias para inscribirse nesta actividade gratuíta, que inclúe aloxamento e pensión completa.
As 'Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas' presentan un formato similar ao da súa primeira edición e contan de novo cun cadro de relatoras de luxo. As charlas formativas impartiranas Gemma Pascual (Presidenta da Comisión nacional de ciclismo feminino e Seleccionadora española de ciclismo feminino en ruta), José Ramón Lillo Bevia (Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte) e Coral Fernández Gumiel (Xefa de División na Comisión Española para a Loita Antidopaxe no Deporte (CELAD)).
Tampouco faltará o coloquio no que participarán mulleres vinculadas de diferentes formas a a este deporte. Pilar Pavón (Médica en voltas ciclistas), Dolores Cuñarro (Árbitra de categoría nacional), Eva Castro (Seleccionadora de Galicia de especialidades gravity) e Luz Iglesias (fotógrafa en eventos de ciclismo) compartirán as súas experiencias no mundo do ciclismo.
O programa destes dous días complétase cun adestramento de todas as modalidades. A realización destas xornadas é posible grazas ao inestimable apoio do Concello anfitrión e da súa Concellería de Deportes. Grazas a súa implicación, Marín volverá converterse na capital galega do ciclismo feminino.
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es