Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Clausura do Campus de Ciclocrós Ciclismo Galego

23 DE AGOSTO DE 2021

A primeira edición desta convivencia contou con 25 ciclistas durante tres días en Baños de Molgas e Maceda

Clausura-do-Campus-de-Ciclocros-Ciclismo-Galego

Fotos: Yaiza Fernández Pérez

O ciclocrós tamén se pode practicar no verán. Unha convivencia promovida pola Federación Ciclismo Galego ofreceu a 25 ciclistas a posibilidade de desfrutar coa especialidade invernal do ciclismo en pleno mes de agosto e na provincia de Ourense. Baños de Molgas e Maceda acolleron durante tres días a primeira edición dunha actividade que contou con monitores de luxo e convidados especiais. 

O I Campus de Ciclocrós do Ciclismo Galego estaba reservado a menores de idade nacidos entre os anos 2004 e 2007. Quince rapaces e dez rapazas completaron un intenso programa que tivo como monitores a dúas referencias do ciclismo sobre o barro: Irene Trabazo, vixente campioa de Galicia e internacional con España en diferentes categorías, e Javier Ruiz de Larrinaga, cinco veces campión estatal elite e que disputou en doce ocasións o Mundial.

A corredora marinense e o agora técnico vasco compartiron as súas experiencias e encargáronse dos adestramentos xunto ao cadro de técnicos da Federación Ciclismo Galego e a José Manuel Cardesin, ex decano da facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física da Universidade da Coruña. 

Programa

O campus arrancou o pasado mércores en Baños de Molgas con charlas no Albergue Estaciones Vivas, onde se hospedaron os participantes, e cunha primeira toma de contacto coa bicicleta. A parte teórica e a práctica volveron mesturarse na sesión matinal do xoves, día no que pola tarde a actividade trasladouse ás instalacións do Club Ciclista Maceda. Alí exerceron de anfitrións Iván Feijoo, actual campión de España sub23 e o ciclocrosista de maior nivel que ten a nosa comunidade, e Xulio Conde, alma máter do exitoso proxecto do C.C. Maceda. 

A última xornada comezou cun novo adestramento e as rapazas tamén recibiron unha sesión formativa. A convivencia pechouse cunha tarde de río antes de clausurar o campus. A falta de mes e medio para o arranque das carreiras de ciclocrós, o ciclismo galego abriu a temporada desta especialidade apostando pola formación.

GALERÍA DE FOTOS

Clausura do Campus de Ciclocrós Ciclismo Galego
Clausura do Campus de Ciclocrós Ciclismo Galego
Clausura do Campus de Ciclocrós Ciclismo Galego
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es