Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O mal tempo non freou ao Campus XCO Ciclismo Galego en Outeiro de Rei

01 DE ABRIL DE 2024

Adestramentos, sesións de mecánica, outros deportes e xogos durante catro días

O-mal-tempo-non-freou-ao-Campus-XCO-Ciclismo-Galego-en-Outeiro-de-Rei

As vacacións de Semana Santa volveron ser sinónimo de Cross Country Olímpico e de entretenemento para a canteira do noso BTT. A Federación Ciclismo Galego (FCG) organizou na localidade lucense de Outeiro de Rei a terceira edición do Campus XCO Ciclismo Galego. Malia que o tempo non acompañou nesta convivencia de catro días, as adversas condicións climatolóxicas non frearon nin á formación nin á diversión dende o luns ata o Xoves Santo. 

O campamento dirixido por Alberto del Río, técnico da FCG, reuniu a máis de 40 rapazas e rapaces nados entre o 2008 e o 2013. Un éxito de participación con bikers das categorías alevíns, infantís e cadetes que nas saídas en bicicleta traballaron, sobre todo, aspectos técnicos. Ademais de adestrar, recibiron nocións básicas de mecánica que tiveron que levar á práctica. 

imagen

O XCO non foi o único deporte neste Campus. Nas instalacións de D10 realizouse un achegamento ao tenis e ao pádel da man dos adestradores deste Centro Deportivo, onde a rapazada tamén desfrutou da piscina climatizada. O tempo de lecer dedicouse a facer grupo e a xogar con actividades propostas polo equipo de traballo do campamento. 

imagen

A FCG quere agradecer o apoio do Concello de Outeiro de Rei e do Team Bike Outeiro de Rei para levar a cabo esta iniciativa. Pilar Méndez, concelleira de Deportes, e Marcos Gascón, presidente do club local, visitaron a convivencia para saudar aos seus compoñentes. 

Os vindeiros dous Campus Ciclismo Galego chegarán no verán. O de Mini DH está fixado para o mes xullo e o de Ciclocrós celebrarase do 19 ao 22 de agosto

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es