Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Póker de podios para o Extol no Maratón Templario do Open de España

26 DE JULIO DE 2021

Susana Alonso rematou terceira Elite, segundos postos para o sub23 Abel Franco e o máster-40 Miguel Ángel Arias, e Fernando Guerra venceu nos máster-30

Poker-de-podios-para-o-Extol-no-Maraton-Templario-do-Open-de-Espana-

Suma o segue o Extol MTB Team no Open de España de XCM. Se na anterior cita acumulou cinco podios, na quinta xornada do certame estatal foron catro os representantes do conxunto do Deza que pisaron o caixón na proba extremeña do IX Maratón Templario. Susana Alonso obtivo a terceira posición na táboa elite e na absoluta, o sub23 Abel Franco e o máster-40 Miguel Ángel Arias finalizaron no Top-10 scratch e segundos na súas categorías, mentres que Fernando Guerra impúxose nos máster-30. 

O antepenúltimo desafío do certame estatal celebrouse na localidade pacense de Jerez de los Caballero e un percorrido moi esixente de 82 quilómetros concluía na subida á Morería. Ese treito final afrontouno Susana Alonso ocupando o terceiro posto entre as mulleres despois de ter que remontar. A mosense sufriu problemas mecánicos no inicio do maratón, pero tivo pernas para ir adiantiando rivais. Cruzou a liña de meta cun tempo de 3:51:31, a cinco minutos e medio de Marta Torà (Open Natura), gañadora por diante da líder Arantxa Salvado (Gobik). O resultado da biker do Extol permítelle subir ao terceiro posto no ranking absoluto e manterse segunda no elite. 

O mellor galego da xornada foi Abel Franco, sexto cun rexistro de 3:06:13. Segundo nos sub23, por detrás de Julián Robles (Conway), continúa terceiro na clasificación xeral. A un minuto e medio do verinés terminou o seu compañeiro de equipo Miguel Ángel Arias, décimo na táboa absoluta e segundo no seu grupo de idade. O máster-40 do Extol está protagonizando un duelo moi parello ao longo do Open co líder da súa categoría, con Juan Pedro Trujillo. Desta vez o andaluz do Conway impúxose por 28 segundos e no ranking amplía a súa vantaxe a 35 puntos. 

O seguinte galego en completar os 82 km, Alberto Alanís (Burgas Bike), fíxoo cunha marca de 3:09:25, conseguindo a oitava praza nos elites, e o cuarto representante autonómico, Fernando Guerra, pechou o póker de podios do Extol. Tras 3 horas 12 minutos e 46 segundos dándolle aos pedais, venceu no grupo de idade máster-30 con 1:07 de vantaxe respecto a José Antonio Sánchez (Kazajoz). 

Ao balance de resultados sobranceiros dos bikers da nosa comunidade hai que engadir tres Top-10: Pablo Liñares e José Manuel Gómez, ambos do Xesteiras, clasificarónse oitavo e décimo respectivamente nos máster-40; e Joaquín González (Miñor Bike) finalizou cuarto nos máster-60. 

O Open de España de BTT Maratón regresará o 5 de setembro coa cita de Sierra de Cazorla. 

Máis información

GALERÍA DE FOTOS

Póker de podios para o Extol no Maratón Templario do Open de España
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es