03 DE MAYO DE 2022
Por segundo ano consecutivo o municipio ourensá de Piñor encargouse de dar o bandeirazo inicial á Copa Galicia de Maratón. Con 130 bikers aceptando o desafío proposto polo Club Ciclista Ourense Termal, disputouse o pasado domingo o 2º XCM Audi Selection Plus - Concello de Piñor. O elite Estefan González (Burgas Bike) e a máster-40 Ana María González Cuña (Mitto X-Sauce) fixéronse coas primeiras camisolas de líderes nas categorías absolutas dun certame que esta temporada consta de seis eventos.
Nun fermoso pecorrido con varios treitos pedregosos acumuláronse 2.000 metros de desnivel positivo tras dar dúas voltas a un circuíto de 34 quilómetros. Ao comezo do segundo xiro quedou fóra de combate por mor dunha avaría mecánica Brandán Márquez (V Bike), que o domingo anterior se coroara en Manzaneda gañador da xeral da Transgalaica. Outro fondista que subira ao máis alto do podio na estación de montaña ourensá, neste caso como vencedor da carreira, sumou o seu segundo triunfo consecutivo.
Estefan González impúxose con autoridade en Piñor. O monfortino presentouse na liña de meta cun tempo de 3 horas 15 minutos e 33 segundos. O elite do Burgas Bike colleitou un novó éxito na provincia do seu club, desta vez con case 5' de vantaxe respecto ao máster-40 Toño Rodríguez (Ourense Termal). O representante do conxunto anfitrión adxudicouse a segunda praza absoluta entrando xunto ao elite Alberto Alanis (Burgas Bike). O primeiro máster-30, Esteban Sánchez (Extol), fixo cuarto e o top-5 completouno o elite Diego Marnotes (Terras de Cea).
A recompensa de vestirse de líderes nas súas categorías tras 68 km de carreira tamén a obtiveron na competición masculina o júnior Hugo Álvarez (Academia Postal-Maceda) e o máster-50 Francisco Xavier López Cedrón (MTC), mentres que para os máster-60 a distancia era de 58 km e o máis forte foi Pedro Luis Delgado (Ultreia).
Reválida triunfal
Nese itinerario alternativo, de 10 quilómetros menos respecto á ruta longa, a gañadora do 2021 en Piñor repetiu éxito na clasificación absoluta feminina. A porriñesa Ana María González Cuña asinou unha reválida triunfal e ergueu os brazos cando o cronómetro marcaba 3 horas e 28 minutos exactos. A máster-40 do Mitto X-Sauce non permitiu que se lle achegara a elite Desirée Fernández (Ribadumia), segunda a 5:18. O terceiro posto ocupouno a máster-30 Silvia Blanco (Avelaíñas) ao finalizar uns segundos por diante da máster-40 Rebeca Muñoz (Xesteiras) e da máster-30 Sofía da Silva (Os Mosqueteiros), cuarta e quinta respectivamente.
O alcalde de Piñor, José Luis González Rodríguez, asistiu a unha cerimonia de podio na que se entregaron as primeiras camisolas de líderes da Copa Galicia Maratón 2022. Neste acto tamén participaron Daniel Rodríguez presidente do Ourense Termal; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; e o directivo do ente federativo autonómico Óscar Sánchez.
Sen saír da provincia de Ourense, a segunda xornada deste certame terá lugar o 15 de maio no Carballiño, onde se celebrará o Maratón MTB Os Mosqueteiros.
SELECCIÓNS
BTT
SELECCIÓNS
BTT
SELECCIÓNS
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es