Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño impón a súa condición de campioa estatal cadete na Copa de España XCO de Zaragoza

03 DE ABRIL DE 2023

Lara Lois e Saúl López logran podios elite-sub23 na Taça de Portugal

Lorena-Patino-impon-a-sua-condicion-de-campioa-estatal-cadete-na-Copa-de-Espana-XCO-de-Zaragoza

Fotos: RFEC / Federaçao Portuguesa

A segunda aparición de Lorena Patiño (XSM) na Copa de España XCO Cofidis tamén se saldou con vitoria. A marinense fixo valer en Zaragoza a súa condición de campioa estatal cadete e amosouse tan intratable como a mediados de marzo en Valladolid. Os outros podios do Cross Country Olímpico galego deste domingo chegaron en Portugal, onde Lara Lois (RG Bikes) e Saúl López (Academia Postal - Maceda) pisaron o caixón na proba de Abrantes. 

A Copa de España celebrou a súa penúltima xornada no circuíto de Valdespartera co vento como protagonista, un factor que non mudou os plans de Lorena Patiño. A corredora que neste arranque da temporada está alternando o certame estatal de XCO co de estrada marchouse en solitario na primeira das tres voltas e venceu con 27 segundos de vantaxe respecto á rioxana Mónica Estrada (Coloma Bike). A terceira praza, a 37" da representante do XSM, correspondeu á aragonesa Ana López (Huesca La Magia). 

Os outros top-10 galegos no trazado zaragozano tamés chegaron en probas femininas. A elite Irene Trabazo (XSM) rematou novena e na carreira júnior feminina Aroa Otero (Supermercados Froiz) fixo quinta, a súa compañeiro de equipo Uxía Soto terminou sexta e Marta Estévez (XSM), sétima. A Copa estatal de XCO concluirá o 30 de abril cunha nova cita en Aragón, nesa ocasión será en Sabiñánigo. 

Máis información

O outro evento ibérico de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI) celebrouse na zona centro de Portugal. A Taça de XCO ofreceu a súa segunda entrega desta campaña en Abrantes e o mellor resultado galego acadouno Lara Lois. Á grovense só a superou na carreira raíña feminina a sub23 lusa Ana Santos (X-Sauce), vencendo con 48" de marxe, polo que a corredora do RG Bikes foi a mellor elite por diante da portuguesa Joana Monteiro (AXPO). 

Entre os bikers masculinos da nosa comunidade o máis destacado foi Sául López. O elite monfortino obtivo o terceiro posto tanto absoluto como na súa categoría, a 2'58" do gañador Ricardo Marinheiro (Matosinhos) e a 1'04" do tamén portugués Mario Costas (AXPO). Pola súa banda, Anxo Carril (Coruxo) finalizou como quinto sub23 e décimo noveno no resultado global da carreira, dous postos por detrás do elite Manuel Parada (Xesteiras). 

Máis información 

GALERÍA DE FOTOS

Lorena Patiño impón a súa condición de campioa estatal cadete na Copa de España XCO de Zaragoza
Lorena Patiño impón a súa condición de campioa estatal cadete na Copa de España XCO de Zaragoza
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es