Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa de España de Descenso pecha a súa edición 2025 co DHI Manzaneda Estación

26 DE JUNIO DE 2025

A quinta e última proba puntuable dispútase este domingo na montaña ourensá

A-Copa-de-Espana-de-Descenso-pecha-a-sua-edicion-2025-co-DHI-Manzaneda-Estacion

A Copa de España de Descenso decídese este domingo 29 de xuño na provincia de Ourense. A Estación de Montaña de Manzaneda acollerá a disputa da quinta e última proba puntuable da edición 2025 do circuíto estatal da especialidade.

O DHI Manzaneda Estación 2025, que estará organizado polo Club Ciclista Bici Verde e a Estación de Montaña Manzaneda, desenvolverase na pista número 7, denominada Rochas, que destaca por ser un dos trazados máis técnicos do Manzaneda Bike Park. En total, os participantes terán que afrontar un percorrido de 1,6 km con 235 metros de desnivel negativo.

O venres 27 de xuño, xa se poderá realizar a revisión a pé do circuíto de 16:00 h a 18:00 h, mentres que o sábado 28 os adestramentos oficiais desenvolveranse entre as 10:00 h e as 18:00 h. O domingo 29, de 10:00 h a 11:00 h todos os riders poderán afrontar unha baixada de quecemento antes de que ás 11:15 h comece a manga clasificatoria. A definitiva final arrincará ás 13:00 h.

Líderes 

A este peche da Copa de España de Descenso chega como líder Yelco Romero con 648 puntos, tan só catro máis que Oriol Llaudo, que ocupa a segunda praza con 644. O podio da xeral complétao Orion Kirchmayer con 545 puntos. Entre as mulleres, Kira Zamora, que suma 757 puntos, encabeza con ampla vantaxe a xeral sobre María Pomés, que se sitúa na segunda praza con 557; mentres que o terceiro lugar é para Mireia Pi, que ten 533 puntos. 

A competición feminina contará con gran nivel, pois gozaremos da participación de Cristina Menéndez, vixente campioa de España de Enduro e Descenso, e da súa irmá Natalia, que tamén optará á vitoria este domingo, do mesmo xeito que un interesante ramallete de competidoras entre as que se atopan Sara Yusto, Kira e Zoe Zamora e Mireia Pi, entre outras. Entre os homes, Yelco Romero, Oriol Llaudo, Orion Kirchmayer e o naronés Marco Veiga postúlanse como grandes favoritos ao triunfo neste DHI Manzaneda Estación 2025.

Máis información

GALERÍA DE FOTOS

A Copa de España de Descenso pecha a súa edición 2025 co DHI Manzaneda Estación
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es