Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Selección de Galicia ofrece un bo nivel no Campionato de España de Descenso malia as caídas

21 DE JULIO DE 2025

Tres riders da nosa comunidade subiron ao podio nas categorías Máster

A-Seleccion-de-Galicia-ofrece-un-bo-nivel-no-Campionato-de-Espana-de-Descenso-malia-as-caidas

Foto: RFEC

A empinada baixada da Estación de Esquí de La Molina (Girona) puxo a proba esta fin de semana á Selección de Galicia no Campionato de España de Descenso 2025. O escenario que a principios de agosto acollerá o Europeo da especialidade esixiu un exercicio de adaptación no que as caídas penalizaron dende os adestramentos as opcións de medalla do combinado dirixido por Eva Castro e Luis Manovel. Non houbo podios, pero si boas actuacións dun equipo autonómico que se caracteriza pola súa xuventude. 

A primeira toma de contacto sobre a bicicleta no trazado xerundense, de 2,6 quilómetros de lonxitude e un desnivel negativo de 458 metros, deixou case que fóra de combate a dous riders da Selección de Breogán. Hugo Rosendo sufriu un corte nunha man que lle impediu participar na competición elite e sub-23 e o cadete Mario Barreiro, segundo esta campaña na xeral final da Copa de España, quedou tocado por unha caída, problemas físicos que foron a máis no adestramento do domingo ao volver bicar o chan e fracturarse un óso da man. 

imagen

Galicia afrontou a quenda clasificatoria con seis representantes e a primeira baixada cronometrada situou como candidata ao podio a Arantxa Gómez. A rosaleira marcou o mellor tempo entre as júniores. Porén, na final as cousas non lle saíron tan ben. Unha caída custoulle lograr unha praza no caixón e clasificouse cuarta, a 6 segundos da terceira posición. Alexia Santervas, a outra xuvenil da Selección, fixo sexta. 

O mellor resultado masculino do combinado da Federación Ciclismo Galego asinouno o sub-23 Héctor Quinteiro na categoría raíña. O ponteareán obtivo o undécimo posto na táboa elite e sub-23 cun tempo de 3:18.61. De entrar no top-10 separárono 19 centésimas. Entre os 20 primeiros tamén se meteu o elite Víctor Mariño, 16º cun rexistro de 3:20.46, mentres que o sub-23 André Martínez detivo o 'crono' en 3:29.84 e rematou 26º. Pola súa banda, a Marcos Castelo correspondeulle a 15ª praza nos júniores.   

"Había moitos inscritos e nivel en todas as categorías", apunta a seleccionadora Eva Castro, satisfeita co rendemento ofrecido polo conxunto galego nun circuíto "que gustou en xeral, pero ao que non estamos tan acostumados. Durante os adestramentos sucedéronse as caídas. O primeiro día houbo tormentas, polo que se puxo máis complicado, e o domingo correuse en seco. Estivemos bastante ben, soubéronse adaptar".

imagen

As medallas galegas chegaron nas categorías Máster. Tres riders da nosa comunidade subiron ao podio coas cores dos seus equipos. Nos 40A, Carlos Díaz (Ciclos Quintena) colgouse a prata, cun tempo de 3:38.13, e Rubén Castro (Coruxo), o bronce grazas a unha marca de 3:40.89. A vitoria acadouna o catalán Pasqual Canals (ST. Andreu Barca) por 4 segundos de vantaxe. O outro metal que se veu para Galicia obtívoo Manuel Pellón (BDM Bike), terceiro nos 30B cun rexistro de 3:31.03. 

Máis información

 

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

A Selección de Galicia ofrece un bo nivel no Campionato de España de Descenso malia as caídas
A Selección de Galicia ofrece un bo nivel no Campionato de España de Descenso malia as caídas
A Selección de Galicia ofrece un bo nivel no Campionato de España de Descenso malia as caídas
A Selección de Galicia ofrece un bo nivel no Campionato de España de Descenso malia as caídas
A Selección de Galicia ofrece un bo nivel no Campionato de España de Descenso malia as caídas
A Selección de Galicia ofrece un bo nivel no Campionato de España de Descenso malia as caídas
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es