11 DE ENERO DE 2026
Fotos: RFEC / Luz Iglesias
O Campionato de España de Ciclocrós 2026 pechouse este domingo con catro carreiras e en todas elas houbo presenza galega no top-6. O mellor resultado da nosa comunidade na clausura do evento celebrado en Tarancón (Cuenca) rubricouno Lorena Patiño. A marinense obtivo o seu cuarto título consecutivo nesta modalidade, o primeiro na categoría Sub-23, e outorgoulle á Selección de Galicia unha segunda medalla de ouro despois da conquistada na véspera polo cadete Pedro Cidrás, tamén veciño de Marín.
Campioa de España cadete no 2023 en Vic, júnior no 2024 en Amurrio e no 2025 nas Pontes, a ciclista da estrutura Misser Project confirmou na súa estrea como sub-23 que o futuro do ciclocrós feminino español está nas súas pernas. Ademais de acadar a coroa da súa categoría, Lorena Patiño fixo cuarta na clasificación absoluta a 47 segundos de Sofia Rodríguez (Nesta-MMR), a gañadora elite no rápido trazado conquense. Un excepcional rendemento ao que non lle afectou nin un contratempo mecánico.

O termómetro marcaba 1°C cando se deu a saída no circuíto da Ermita de la Virgen de Riánsares. Antes de rematar a primeira das seis voltas, a representante da Selección de Breogán adiantou a Marta Beti (Cantabria) e situouse como primeira sub-23. A progresión de Patiño non quedou aí. Despois de soltar á súa acompañante, reduciu ao mínimo a desvantaxe coa terceira e a cuarta elite, pero xusto cando ía contactar con Sara Cueto (Unicaja Gijón) e Alicia González (Nesta-MMR) saíuselle a cadea. A galega tivo que baixarse da bicicleta para arranxar a avaría. Durante ese momento de tensión non perdeu ningún posto e no seguinte parcial superou a Alicia González.
Rodando en solitario como cuarta clasificada, a líder sub-23 moveuse en tempos similares ás tres primeiras e a última volta iniciouna a 25 segundos da cabeza de carreira. Nese xiro final lanzou o seu ataque por diante a valenciana Sofía Rodríguez, que logrou revalidar o título elite con 16” de marxe respecto á asturiana Lucía González (Nesta-MMR). Patiño, que cruzou a liña de meta a 16” de Sara Cueto, avantaxou en 54” á segunda sub-23, a Ana López (Aragón). Pola súa banda, a elite Irene Trabazo, a outra corredora da Selección de Galicia nesta proba, finalizou sétima na súa categoría e 12ª na táboa absoluta.

“Non é un dos circuítos que mellor se me adapten, eu son de circuítos máis duros e este é máis ‘ratonero’. Viña dunha molestia, que sigo tendo, e non sabía como me ía atopar. A verdade, que non podo pedir máis. Na segunda volta achegueime bastante ás elites, pero desafortunadamente saíuseme a cadea. Tiven un momento de nervos, non sabía a canto viñan as sub-23, pero puiden poñela rápido e puiden coller a Alicia González. Para coller á terceira xa non me deu”, comentou Patiño, que xa se marca un novo obxectivo: ““Facelo moi ben na Copa do Mundo de Benidorm”.
Miguel Rodríguez, quinto
Outro galego que esta temporada subiu de categoría estivo entre os mellores na carreira elite masculina. Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), campión sub-23 o ano pasado nas Pontes, realizou unha gran saída e conduciu o pelotón durante boa parte da primeira volta. A partir de aí, lanzou a súa ofensiva o valenciano Felipe Orts (Ridley) para proclamarse campión por oitava vez na carreira raíña e o ponteareán moveuse entre a cuarta e a oitava posición. Aos últimos metros chegou formando parte dun trío que se xogou a ‘medalla de chocolate’. Nun esprint de ‘photo finish’, impúxose o cántabro Ismael Esteban (Logos Energía-BH) por diante do galego, que concluíu quinto. Xunto a eles entrou Miguel Díaz (Madrid).

Samuel González, coas cores de Galicia, meteuse entre os dez primeiros ao terminar décimo. O maillot do conxunto autonómico tamén o defendeu Borja Gómez, un ano máis exercendo de capitán da Selección de Breogán e dando unha lección de inclusión.
Dous sextos postos
A derradeira xornada en Tarancón comezou coas probas para juniores. Tanto na feminina como na masculina, o combinado dirixido polo seleccionador José Alberto del Río apuntouse o sexto posto. Alejandra Neira quedouse a 38” do podio nunha carreira que Xiana Seijo completou na 13ª posición. En canto aos mozos, Marcos Rodríguez encabezou a actuación galega, a 1’ do bronce, mentres que José Manuel Pintos e Lucas Lozano ocuparon a 19ª e a 37ª praza. Entre eles finalizou Pedro Liaño (Cortizo), 24º, e o seu compañeiro de equipo Xián Rodríguez clasificouse 40º.

Despois de tres días de competición, o noso ciclocrós regresou de territorio castelamanchego con catro medallas. A Selección de Galicia conseguiu os títulos sub-23 feminino e o cadete masculino, así como co bronce cadete masculino. Ao podio tamén subiu Marina González, corredora do Supermercados Froiz, como subcampioa Máster-40B.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es