25 DE SEPTIEMBRE DE 2023
O III XCM Audi Selection Plus coroou este domingo na localidade ourensá de Piñor a dez campións de Galicia de Cross Country Maratón e nesa nómina de gañadoras e gañadores sobresaíu un nome propio. O júnior Alejandro García (Academia Postal-Maceda) fíxose coa vitoria absoluta masculina correndo na súa provincia. O carballiñés sorprendeu aos contrastados fondistas da categoría Elite e dos grupos de idade Máster. Entre as mulleres si que se cumpriu o guión previsto co dominio de Eva Ortega (Extol MTB Team).
O outro gran triunfador da xornada foi o Club Ciclista Ourense Termal mesturando a competición e o cicloturismo grazas á organización dun dobre evento. Entre o Campionato de Galicia e a primeira edición da marcha Ruta da Prata reuníronse 250 bikers na liña de saída do Campo da Peregrina. Unha verdadeira festa do XCM para baixar o pano do calendario autonómico 2023 desta especialidade.
Unha semana despois de asinar a 14ª posición na cita das UCI Junior Series de XCO celebrada no circuíto francés de Brouains, o actual campión de España júnior de Cross Country Olímpico atreveuse coa longa distancia. Alejandro García estreouse nunha carreira de BTT Maratón e exhibiu o seu potencial. Sendo xuvenil de primeiro ano, completou en 3 horas 30 minutos e 24 segundos o percorrido de 72 quilómetros e 2.100 metros de desnivel positivo acumulado.
Triunfo en solitario
O ataque definitivo do corredor do Academia Postal - Maceda chegou na segunda e última volta a un esixente circuíto que presentaba a subida a A Madalena como o seu punto de maior dureza. A roda do ciclista do Carballiño non a puideron seguir os elites do V Bike, o equipo que esta campaña impuxera a súa lei nos maratóns galegos. Brandán Márquez cruzou en segunda posición a liña de meta de Piñor, a 55" de Alejandro García, e proclamouse campión elite, mentres que o seu compañeiro de equipo Diego Álvarez -invicto a nivel autonómico no 2023 ata esta proba- rematou terceiro a 2'55" do vencedor absoluto.
Os tres primeiros abriron un notable oco respecto ao resto de clasificados dentro do top-10. A 5'34" de Diego Álvarez concluíu Daniel García (Xesteiras) revalidando o título máster-30 e a quinta praza, así como o terceiro chanzo no podio elite, correspondeu a Saúl López (Academia Postal - Maceda). Manuel Casuso (Xesteiras), segundo máster-30, fixo sexto, o elite Iván Pereira (Xesteiras) obtivo o sétimo posto con 15" de marxe sobre tres novos campións de Galicia que entraron xuntos: o máster-40 Diego Rey (Tambre Bike), o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e o sub23 Diego Marnotes (Extol MTB Team). A sétima e última camisola de rei autonómico que se repartiu en Piñor recibiuna Carlos Gómez (Ourense Termal), gañador máster-60.
Tres coroas femininas
Segunda este ano nos tres maratóns da Copa Galicia, a polivalente Eva Ortega aproveitou a ausencia da súa compañeira de equipo Susana Alonso para engadir o título elite de XCM a un palmarés no que hai medallas en campionatos de ciclocrós, estrada, XCO e Resistencia. O desafío para as mulleres non incluía a segunda ascensión á A Madalena e a representante do Extol cubriu os 59 km, con 1.600 de desnivel, cun tempo de 3:23:28. Distanciouse en 15 minutos das súas perseguidoras.
A segunda posición absoluta rubricouna outra versátil corredora, a sub23 Carla Fernández (QueBici-Marcisport), con 24" de marxe respecto á subcampioa elite Raquel Román (Bici Verde). A terceira coroa feminina en xogo conquistouna a máster-40 Natalia Raña (Corbelo) cuarta na táboa absoluta. As elites Cecilia Abal (Ribadumia), terceira na categoría raíña, e Emma Lorenzo (Código Bike) tamén alcanzaron a meta.
A entrega de trofeos, medallas e camisolas do Campionato de Galicia na clausura do III XCM Audi Selection Plus contou coa presenza de José Luis González, alcalde de Piñor; Eva Fernández, concelleira de Deportes; Daniel Rodríguez, presidente do Ourense Termal; Manuel Pérez, Xefe de Servizo na provincia de Ourense da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Este último entregoulle un maillot ao rexedor local como sinal de agradecemento polo seu apoio e compromiso co ciclismo.
PODIOS
Júnior
1. Alejandro García (Academia Postal - Maceda)
2. Martín Sestelo (Avanza - O Porriño)
3. Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos
Sub23 feminino
1. Carla Fernández (QueBici-Marcisport)
Sub23 masculino
1. Diego Marnotes (Extol)
2. Ignacio Casal (Extol)
3. Pablo Lamas (Monteneme-Calvo)
Elite feminino
1. Eva Ortega (Extol)
2. Raquel Román (Bici Verde)
3. Cecilia Abal (Ribadumia)
Elite masculino
1. Brandán Márquez (V Bike)
2. Diego Álvarez (V Bike)
3. Saúl López (Academia Postal - Maceda)
Máster-30 masculino
1. Daniel García (Xesteiras)
2. Manuel Casuso (Xesteiras)
3. Pablo Iglesias (Sanomedio)
Máster-40 feminino
1. Natalia Raña (Corbelo)
Máster-40 masculino
1. Diego Rey (Tambre)
2. Diego Álvarez (MTC)
3. Uxío Canosa (Os Esfola Arrós)
Máster-50 masculino
1. Antonio Rodríguez (Ourense Termal)
2. Miguel Ángel Arias (Extol)
3. Antonio Marnotes (MPC Terras de Cea)
Máster-60 masculino
1. Carlos Gómez (Ourense Termal)
2. Pedro Luis Delgado (BTT Ultreia)
3. Constantino Arias (ADO Moure)
FORMACIÓN
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es