Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 28/04/2023 10:11:12

O pelotón cadete e o júnior feminino súmanse á Copa Galicia do Porvir este sábado en Boiro

O calendario deste certame da FCG consta de sete citas

Logo de arrancar coa Challenge Volta O Barbanza para juniors masculinos no primeiro día deste mes, a Copa Galicia do Porvir actívase por completo este sábado en Boiro. As categorías cadete feminina, cadete masculina e júnior feminina disputarán no Gran Premio Ricardo Riveiro a súa primeira xornada do certame de estrada coordinado pola Federación Ciclismo Galego e que este ano estrea denominación. O seu calendario compóñeno sete eventos. 

A dobre cita inaugural na comarca do Barbanza atopará continuidade o 27 de maio no Trofeo Concello de Carballo, proba na que ao igual que este sábado non competirán os juniors masculinos. Todas as categorías coincidirán por primeira vez o 17 de xuño na X Ruta do Albariño, a carreira organizada pola Federación Ciclismo Galego en Cambados. 

Os tres eventos restantes chegarán no verán. O 16 de xullo o Club Ciclista Teo exercerá de anfitrión no XXXIII Trofeo Vila de Luou, coas juniors femininas e cadetes de ambos sexos como cabeza de cartel. Na fin de semana seguinte, o 22 de xullo, o Gran Premio de Ciclismo - Concello de Oia debutará coas catro categorías da Copa Galicia do Porvir en liza. A xornada do Team Oiense resolverá tres rankings do certame autonómico e o que queda pendente, o xuvenil masculino, pecharase o 26 de agosto no Trofeo Júnior Carballo.

Gran Premio Ricardo Riveiro

Ás 15:30 horas deste sábado empezarán as carreiras no Promoción de Ciclismo de Boiro 2023-Gran Premio Ricardo Riveiro. Baixo a organización do Club Ciclista Jealsa Barbanza e do Concello de Boiro, o seu programa inclúe tres categorías da Copa Galicia do Porvir e probas de Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís e Ciclismo Inclusivo. A competición cadete masculina, prevista para as 17:30 h, percorrerá as estradas de Boiro e Rianxo, e cando o pelotón circule polo Alto do Bexo uniranse as cadetes e as juniors. 

A presentación desta clásica que alcanza a súa XXXV edición contou coa presenza da concelleira de Deportes de Boiro, Dores Torrado; do fundador do club organizador, Ricardo Riveiro; e o membro da directiva, José Ramón Torrado. 

Toda a información sobre a Copa Galicia do Porvir podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir23. 

 

GALERÍA DE FOTOS

O pelotón cadete e o júnior feminino súmanse á Copa Galicia do Porvir este sábado en Boiro

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es