Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Viveiro acollerá esta fin de semana a celebración do Campionato de España de Ciclismo Paralímpico

17 DE MAYO DE 2023

Contará con streaming en directo tanto o sábado como o domingo

Viveiro-acollera-esta-fin-de-semana-a-celebracion-do-Campionato-de-Espana-de-Ciclismo-Paralimpico

A gran cita anual do Ciclismo Paralímpico estatal en estrada chega esta fin de semana á localidade lucense de Viveiro, que xa se atopa preparada para acoller a celebración da edición 2023 do Campionato de España.

Serán dúas xornadas de gran emoción na que se poñerán en xogo os títulos de campión/a de España de contrarreloxo e en liña. O sábado 20 de maio comezará a competición ás 16:00 h coas cronos, nas que os participantes das distintas clases irán saíndo separados por un minutos entre si. O domingo, os participantes das clases de handbike e triciclo recibirán a saída da proba en liña ás 9:00 h; mentres que as bicicletas e tándems comezarán a disputar a liña ás 11:30 h.

A Praia de Area será escenario da saída e meta tanto das cronos do sábado como das probas en liña do domingo e contorna a ela estará deseñado o percorrido de 5,4 km que articulará as contra o reloxos deste Campionato de España. O domingo, todos os participantes gozarán dun trazado de 21 km que contará con tramos esixente e espectaculares que permitirán gozar tanto aos espectadores e afeccionados como aos propios deportistas, que darán un número maior ou menor de voltas ao mesmo en función da súa clase.

O Campionato de España de Ciclismo Paralímpico na estrada gozará da presenza das grandes estrelas da modalidade no panorama estatal, que ademais atoparán un perfecto test co que tomar ritmo de competición antes de encarar a seguinte fin de semana, do 26 ao 28 de maio, a terceira e última proba da Copa do Mundo, que terá lugar en Huntsville (Alabama, Estados Unidos). Así, en Viveiro poderemos gozar da presenza de Ricardo Ten (C1), Maurice Eckhard (C2), Eduardo Santas (C3), Juan Alberto Jiménez (C4) ou do coruñés Damián Ramos (C5) como bicicletas máis destacadas, aínda que haberá que ter en conta tamén a Markel Alonso (C2), Pedro Sánchez-Migallón (C4) ou José Diego Jara (C5), que tratarán de dar a sorpresa e superar aos referentes das súas respectivas clases.

Entre os tandems, cabe destacar o bonito duelo que manterán Christian Venge-Noel Martín con Joan Sansó-Abraham del Caño polo título, mentres que entre os triciclos están chamados a ser grandes protagonistas das súas clases Gonzalo García Abella (T1), Joan Reinoso (T2) e Erika González (T2). No que respecta aos handbikes, Sergio Garrote (H2), Luís Miguel García-Marquina (C3), Martín Berchesi (H4) e o arteixán Iván Manoel Montero (H5) volverán ser quen atraian todas as miradas.

O Campionato de España de Ciclismo Paralímpico na estrada contará con streaming en directo

Unhas das grandes novidades desta edición do estatal de estrada de Ciclismo Paralímpico será que a organización, que corre a cargo do Club Ciclista Viveiro, realizará o esforzo de prover dun streaming en directo tanto para a xornada do sábado como para a do domingo. A retransmisión poderá verse a través da canle de Youtube do Club Ciclista Viveiro. Este evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e dos Concellos de Viveiro e Xove.

Toda a información respecto a este campionato podedes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CEParalímpicoViveiro23 e no espazo dedicado ao mesmo na páxina web da Real Federación Española de Ciclismo.

GALERÍA DE FOTOS

Viveiro acollerá esta fin de semana a celebración do Campionato de España de Ciclismo Paralímpico
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es