Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala

25 DE FEBRERO DE 2024

A FCG homenaxeou a Santiago Seijas e a Jacobo Ucha como vítimas de graves accidentes, entregou os premios correspondentes á última temporada e rendeu tributo a Modesto Sánchez na cerimonia celebrada en Ribadumia

O-Ciclismo-Galego-esixe-maior-seguridade-viaria-na-sua-Gala

Fotos: Laureano Freire / Asier Torrado

A familia do Ciclismo Galego ateigou este sábado o Auditorio Municipal de Ribadumia na súa Gala. Con máis de 150 distincións por resultados autonómicos e estatais durante a pasada campaña, a festa anual organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) serviu para facer balance dos últimos doce meses e tamén para reclamar máis respecto nas estradas aos usuarios da bicicleta. A dúas vítimas da violencia viaria outorgáronselles Mencións Especiais nun acto no que se volveu disparar a emoción ao recordar na súa comarca, a do Salnés, a figura do recentemente falecido Modesto Sánchez.

A cerimonia conducida polo presentador de televisión Terio Carreira e amenizada coas cancións de Chroma Music Band encargouse de abrila o alcalde de Ribadumia. No seu discurso David Castro puxo en valor os éxitos dos deportistas, o traballo dos clubs e o apoio tanto das institucións como das empresas privadas. O rexedor da localidade anfitrioa aproveitou para amosar o seu orgullo polo crecemento do Club Ciclista Ribadumia dende a súa creación no 2018.

O pasado ano estivo cheo de éxitos para o ciclismo galego, pero a súa vez será recordado por dous sucesos dramáticos. Jacobo Ucha, técnico da FCG, foi arrolado temerariamente por un coche mentres desfrutaba dunha saída cicloturista no mes de xullo, un suceso que o mantivo dezasete días hospitalizado. Ao mes seguinte Santiago Seijas, directivo do Club Ciclista Cidade de Lugo, sufriu un grave atropelo cando colaboraba na organización da marcha cicloturista Ancares Cycling Marathon e do do que aínda non está totalmente recuperado. A FCG concedeulle a ambos Mencións Especiais para reivindicar que en cada bicicleta vai unha vida, distincións que se encargaron de entregar dous representantes da Garda Civil, José María Martínez González -comandante- e Antonio Velasco -capitán-.

imagen

“Desexar sobre todo que isto non volva pasar”, aseverou Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG, respecto a estas agresións nas estradas. Na súa intervención o máximo responsable do ciclismo autonómico apuntou que “somos a comunidade que ten máis licenzas federativas por habitante. Galicia é un referente agora mesmo, o mellor sitio para practicar deportes”, á vez que puxo en valor o traballo realizado coa canteira e lembrou que “sen escolas de ciclismo non hai futuro”. 

A Mención Especial por unha vida dedicada ao ciclismo outorgóuselle nesta ocasión a un referente deste deporte na comarca onde tivo lugar a Gala, a do Salnés. Modesto Sánchez Losada, laureado corredor do campo amateur e mecánico de equipos profesionais, faleceu o pasado mes de xaneiro. O Ciclismo Galego rendeulle tributo cunha homenaxe no que participaron a súa viúva, dúas das súas fillas e ao que non puido asistir o seu fillo Ángel Sánchez ao atoparse disputando O Gran Camiño co equipo Tavfer portugués. A FCG tamén galardoou a dous equipos, ao Padronés-Cortizo como gañador do Ranking Elite da Real Federación Española de Ciclismo no 2023 e ao Vigo-Rías Baixas por ocupar a segunda posición nesa mesma clasificación.

Por resultados deportivos da pasada temporada o número de premios ascendeu a 161. Dese total, 80 corresponden aos postos de podio acadados polo ciclismo da nosa comunidade nas Copas de España e nos Campionatos Estatais. Unha cifra récord nesta Gala alcanzouse na coroación das gañadoras e dos gañadores dos Rankings da FCG cun total de 79 trofeos para premiar a regularidade no calendario autonómico de Estrada, Ciclocrós e das especialidades do BTT. Os premiados que non puideron asistir poderán recoller as súas distincións na oficina da FCG. 

imagen

“Quero presumir do deporte galego e, como non, do ciclismo”, afirmou José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que realizou un repaso polas grandes figuras históricas do mundo da bicicleta na nosa comunidade e compartiu o seu optimismo afirmando que “temos futuro, moito futuro”. A nómina de autoridades que participaron na Gala complétase con Daniel Benavides, delegado de Deportes da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra; Sofía Núñez, concelleira de Deportes de Ribadumia; Vanesa Jorge, concelleira de Contas; Yolanda Peiteado, concelleira de Medio Ambiente; María Isabel Couselo, deputada provincial de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra; e Antonio Leira, deputado de Deportes da Deputación da Coruña.  

GALERÍA DE FOTOS

O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
O Ciclismo Galego esixe maior seguridade viaria na súa Gala
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es