Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Dávila apúntase o duelo polo bronce con Carrera no Campionato de España de BMX Freestyle Park

20 DE SEPTIEMBRE DE 2023

Saúl Vilar clasificouse sexto na competición elite masculina

Davila-apuntase-o-duelo-polo-bronce-con-Carrera-no-Campionato-de-Espana-de-BMX-Freestyle-Park

Foto: RFEC

Por terceiro ano consecutivo houbo representación galega no podio do Campionato de España de BMX Freestyle Park. Rebeca Dávila (BMX Cromoly) superou a súa compañeira de equipo e tamén viguesa Laura Carrera no duelo pola terceira posición da proba elite feminina celebrada a pasada fin de semana no marco do festival de deportes urbanos Extreme Barcelona. Neste evento de clase C1 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI) tamén representou ao club olívico Saúl Vilar, sexto nos elite masculinos. 

O programa de competición tivo que modificarse debido á previsión de chuvia para o domingo, a xornada na que se ía disputar o Campionato de España. Deste xeito, unificáronse as dúas probas da fin de semana e o evento UCI C1 do sábado tivo valor dobre ao poñer en xogo as coroas estatais. As riders e os riders dispuxeron de dúas quendas para amosar os seus trucos na pista Central Park do Extrem Barcelona.  

Á terceira foi a vencida para Rebeca Dávila. Despois de dous anos consecutivos quedándose a un paso de subir ao caixón no Campionato de España, nesta ocasión clasificouse por diante de Laura Carrera, intercambiándose os postos respecto ao 2022. A actuación da medallista de bronce caracterizouse pola súa sobriedade e pola tranquilidade que exhibiu sobre a bici. Optou por no saírse dos trucos que mellor domina, logrando un total de 27,84 puntos, oito máis que a súa compañeira e cuarta clasificada.

O metal que se colgou Dávila estivo a piques de ser doutra cor porque a madrileña Mar Esquer levouse a prata cunha puntuación de 28,17, batendo por só 0,33 á mellor galega. Lonxe do resto de participantes situouse a gran dominadora desta especialiadade en España. A vallisoletana Teresa Fernández-Miranda venceu con 71,34 puntos. 

En canto á categoría elite masculina, o vigués Saúl Villar terminou sexto con 48,67 puntos. Ao campión de España júnior no 2021 separárono 15,23 puntos do podio. O título revalidouno, un ano máis, o burgalés Daniel Peñafiel ao alcanzar os 75,67 puntos. 

Máis información e clasificacións

 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es