10 DE ABRIL DE 2024
Despois do éxito colleitado o ano pasado na súa estrea, a Copa Galicia de Pump Track volve con forza na súa segunda edición. Cun evento máis que no 2023, o certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego consta esta campaña de cinco probas puntuables. A primeira celebrarase esta fin de semana, o Endurrazo Rodeiramar en Moaña.
O primeiro Pump Track organizado polo THC Bike C. estaba previsto para o pasado sábado, como aperitivo da Copa de España de Enduro, pero o mal tempo obrigou ao seu aprazamento. Finalmente disputarase este domingo a partir das 15:00 horas. Tras esta apertura, a Copa descansará un mes e medio, cando regresará con outros dous debuts no calendario.
Para o sábado 1 de xuño está fixado o I Gran Premio Vilagarcía, que chega da man do club Arousa Bike BTT. A seguinte fin de semana, o domingo 9 de xuño, o certame trasládase ao norte da provincia de Lugo, onde o Pontebike Team encargarase do I G. P. Concello de Xove. Deste xeito alcanzarase outra paréntese no calendario, deixando os dous últimos eventos para a parte final do verán.
O desenlace da Copa terá como escenario a provincia de Ourense con dous eventos. O 31 de agosto é a data proposta polo Maese Riders Team para que o I PumpTrack Pereiro de Aguiar entre en escena despois de ter que suspendelo a pasada campaña. A cita que si se puido desfrutar no 2023 foi o PumpTrack Concello de Ourense, tamén do Maese Riders Team. Na súa segunda edición, prevista para o sábado 7 de setembro, volverá exercer de clausura dun certame que se consolida.
Toda a información sobre a Copa Galicia de Pump Track podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT24.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es