Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Descenso galego regresa con catro medallas do Campionato de España en Panticosa

18 DE JULIO DE 2021

Prata para o júnior Zoe del Río (Selección de Galicia) e bronces do máster-30A Manuel Pellón (BDM Bike), a elite Gemma Chapela (Selección de Galicia) e a júnior Uxía Álvarez (Coruxo)

O-Descenso-galego-regresa-con-catro-medallas-do-Campionato-de-Espana-en-Panticosa

Un ano máis o Descenso galego foi fiel a súa cita coas medallas no Campionato de España. Despois dos tres podios acadados no 2020, este domingo as riders e os riders autonómicos conseguiron catro metais no municipio oscense de Panticosa. O júnior Zoe del Río e a elite Gemma Chapela obtiveron unha prata e un bronce, respectivamente, para a Selección de Galicia, un botín ao que hai que sumar os terceiros postos asinados polo máster-30A Manuel Pellón (BDM Bike) e a júnior Uxía Álvarez (Coruxo).

Sen chegar aos 2 quilómetros de lonxitude, a baixada na que se decidiron os títulos estatais presentaba 600 metros de desnivel acumulado e algúns treitos especialmente técnicos. A xornada arrancou coa quenda clasificatoria na que Zoe del Río presentou a súa candidatura ao caixón co cuarto mellor tempo júnior. O marinense ofreceu na final un rendemento practicamente idéntico, rebaixando en catro décimas o ‘crono’ da súa primeira baixada, e cun rexistro de 3:18.16 fíxose co segundo posto.

Premio á regularidade para o representante da Selección de Galicia, que se quedou a menos de 3 segundos do gañador Pau Menoyo (Catalunya) e bateu por 2” ao tamén catalán Pau Jorba. Os outros dous riders do combinado galego metéronse no Top-10: Roi Jorge clasificouse sexto (3:25.00) e Marcos Abalo, décimo (3:33.29)

Entre Del Río, 26º na táboa scratch e Jorge, 45º, rematou no ranking absoluto Manuel Pellón, 34º cunha marca de 3:22.14. Ese resultado serviulle ao piloto do BDM Bike Club para colgarse o bronce no grupo de idade Máster-30A. O pontés e Diego Nogal (Castilla y León) escoltaron no podio a Fernando Olañeta (Euskadi).

A participación galega masculina completouse cos dous cadetes que vestiron as cores da Selección. Uxío Atrio terminou 18º, xusto por diante de André Martínez.

Podios femininos

As dúas riders que quince días antes pugnaran pola coroa autonómica en Ponteareas, pisaron o caixón en Panticosa. Na táboa que agrupou ás participantes elites, sub23 e juniors, Gemma Chapela ocupou a terceira praza cun tempo de 5:19.41. Deste xeito, a elite moañesa da Selección de Galicia conseguiu o podio que rozou no 2020, cando finalizou cuarta. Dúas juniors catalás, a campioa Aina González e Mireia Pi, encabezaron a competición raíña feminina. 

As juniors contaron con clasificación propia e Uxía Álvarez recolleu unha medalla por cuarta temporada consecutiva. Nesta ocasión, tivo que conformarse coa de bronce e co quinto posto scratch tras un accidentado descenso. A viguesa do Coruxo conseguiu alcanzar a liña de meta sendo o de menos o seu rexistro de 7:56.18.

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

O Descenso galego regresa con catro medallas do Campionato de España en Panticosa
O Descenso galego regresa con catro medallas do Campionato de España en Panticosa
O Descenso galego regresa con catro medallas do Campionato de España en Panticosa
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es