Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Cañiza pechou sen sorpresas o primeiro bloque da Copa Galicia XCO

26 DE ABRIL DE 2022

Oito líderes, entre eles o elite Saúl López, impuxéronse na cuarta proba do certame autonómico

A-Caniza-pechou-sen-sorpresas-o-primeiro-bloque-da-Copa-Galicia-XCO

Foto: Luz Iglesias

O calendario da Copa Galicia de Cross Country Olímpico chega á súa primeira paréntese despois de disputarse catro eventos en 20 días. O IV Trofeo BTT XCO Concello da Cañiza pechou o pasado sábado un bloque inicial de carreiras que deixa a líderes moi destacados na maioría das categorías. Ata oito bikers que lucían as camisolas brancas e azuis do certame autonómico venceron no circuíto do Campo de Fútbol de Augas Férreas. 

O alcalde Luís Piña encargouse de cortar a cinta e na proba organizada pola Grupeta Pan de Zarko, en colaboración coas comunidades de montes de Achas e Petán, non faltaron a súa cita coa vitoria os dominadores dos rankings elite-sub23. Lara Lois (Moto Bike) sumou o seu terceiro triunfo consecutivo nesta edición da Copa mentres que a xeira da elite grovense, ausente na primeira xornada, supéraa o monfortino Saúl López.

O elite do Academia Postal-Maceda mantivo con autoridade a súa condición de invicto. Cun tempo de 1:17:54, o líder da categoría raíña masculina avantaxou en 2:47 a Samuel González (Máis Que Bicis). O podio elite foi idéntico ao dunha semana antes no Porriño, con Jorge Punzón (Cosmos) subindo ao terceiro chanzo desta vez tras bater ao esprint ao líder sub23 Anxo Carril (Coruxo). O top-5 absoluto completouno Manuel Parada (Xesteiras).

Entre os 170 bikers que rodaron por un trazado con moito desnivel houbo outros cinco líderes que sumaron os 150 puntos asignados aos gañadores: Aroa Otero (Supermercados Froiz) e Alejandro García (Carballiño) en cadetes, Uxía Soto (Supermercados Froiz) nas juniors, Silvia García (Bici Verde) nas máster-40 e Jose Manuel González (Academia Postal - Maceda) nos máster-60.

Estrea de Buba 

Dúas carreiras ofreceron emoción ata a recta de chegada. Con Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) non puidendo sumar o seu cuarto triunfo consecutivo e téndose que conformar coa terceira praza, o desenlace da proba júnior brindou un man a man entre Danny Jan Buba (Coruxo) e Héctor García (Poio Bike) que se decantou ao esprint a prol do representante do conxunto vigués. A mesma situación viviuse nos máster-50. Manuel Castro (Toxo) levouse nos metros finais o duelo con Óscar González (Máis Que Bicis) e ademais recuperou a camisola de líder. 

Pola contra, non cambian de propietarios os maillots nos grupos de idade masculinos de 30 e 40 anos, malia que non venceron os corredores que dominan as xerais. Fernando Guerra (Extol) ergueu os brazos nos máster-30, co líder José Carlos Sanmiguel (Ourense Termal) entrando cuarto, e Marcos Mayo (BTT O Treito) adxudicouse o triunfo nos máster-40 por diante de Iván Pereira (Xesteiras), que continúa no máis alto do ranking

A Copa Galicia XCO tómase dúas fins de semana de respiro e regresará coa súa quinta xornada o sábado 14 de maio na localidade lucense de Outeiro de Rei. 

Clasificacións

Sección da #CopaGaliciaXCO22

GALERÍA DE FOTOS

A Cañiza pechou sen sorpresas o primeiro bloque da Copa Galicia XCO
A Cañiza pechou sen sorpresas o primeiro bloque da Copa Galicia XCO
A Cañiza pechou sen sorpresas o primeiro bloque da Copa Galicia XCO
A Cañiza pechou sen sorpresas o primeiro bloque da Copa Galicia XCO
A Cañiza pechou sen sorpresas o primeiro bloque da Copa Galicia XCO
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es